Acuña López, Xosé María
Escultor. Xordomudo de nacemento, fixo a súa aprendizaxe con Asorey entre 1920-1922. A partir de 1923 participa en varias exposicións (Arte Galega do Ateneo de Vigo, Salón Internacional de Artistas Silenciosos, Arte Galega no Palacio do Retiro de Madrid) e en 1930 é nomeado profesor de debuxo, modelado e talla do colexio de xordomudos de Santiago de Compostela, no que cursara estudios. Entre 1933 e 1972, arrédase do mundo artístico e apenas expón a súa obra, dedicándose ao ensino e a colaborar coa desaparecida Cerámica Celta de Pontecesures e coa artesanía compostelá de César Ouro, traballando ao mesmo tempo con Asorey. Retoma a súa actividade artística en 1972 con sucesivas participacións nas Bienais de Pontevedra dende 1972 ata 1975, concedéndoselle nesta última un premio especial e mención de honra pola súa dilatada carreira artística e docente. En 1973 xubílase como profesor do Colexio Rexional de Xordomudos de Santiago. As exposicións nestes anos multiplícanse (VII Bienal de Arte da Deputación de Pontevedra, 1983) así como o recoñocemento da súa obra (II Premio Nacional de Escultura en 1976 e Medalla Castelao en 1991) e encargos oficiais (monumento no Cebreiro, que representa a un peregrino loitando contra o vento, ou o conxunto escultórico de dous peregrinos instalado no monte do Gozo). Acuña é un escultor realista, de inspiración folclórica cun claro substrato romántico, no que se categorizaba a pura anécdota. O seu gran dominio da anatomía realizada a través dunha exquisita interpretación da figura humana, seguindo fielmente os canons académicos, así como o gusto dos detalles fai que os seus personaxes (mariñeiros, obreiros, campesiños) estean dotados dunha gran forza e beleza formal. Acuña non segue os camiños da experimentación, sinxelamente traballa co pasado romántico, nunha liña centrada no costumismo iniciado por Isidoro Brocos, combinada coa exaltación do enxebre tan xenuína do seu mestre Asorey.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Vigo