Adalid Gurrea, Marcial del
Compositor. Foi o primeiro músico galego que escribiu música profana culta. A súa formación iniciouse na Coruña, continuou en París, onde adquiriu unha marcada influencia chopiniana (aínda que non chegou a ampliar os seus estudios pianísticos con Frédéric Chopin como era o seu obxectivo) e contactou con Franz Liszt; en Londres estudiou con Ignaz Moscheles e en Madrid relacionouse con compositores madrileños da época, cando menos ata 1868. Nos seus últimos anos retirouse ao seu pazo de Lóngora, preto da capital herculina, onde morrería. A súa produción musical abrangue ópera (Inese e Bianca); cancións para voz e piano ou lieder; obra orquestral (Gran obertura); obra pianística (Nocturnos, Baladas, Impromptus, Romanzas sin palabras, Sonatina en sol a cuatro manos, Vals brillante, Improvisación, Elegía, Andantino con variaciones, 2 Sonatas) e música de cámara (2 Tríos, Sonata para violín y piano). Traballou sobre o folclore galego, recollendo temas populares destinados ao Cancionero de Inzenga e elaborando varios cadernos de cancións (Cantos populares gallegos e Cantares viejos y nuevos de Galicia), o que supuxo unha achega musical básica ao Rexurdimento de Galicia. Agás as cancións escritas en galego, a maior parte levan o texto en francés (o idioma da súa dona, a escritora Fanny Garrido), aínda que tamén empregou o castelán, latín, italiano e alemán, o que é un caso extraordinario na música decimonónica, xa que coñecía ben a prosodia de todas as linguas empregadas. A súa ópera, que non chegou a ser representada, está inspirada nun episodio da historia de Galicia e recolle elementos do folclore galego, o que reflicte a intención do autor de utilizar ritmos característicos da súa terra natal. Adalid era un home universal, considerado como o primeiro compositor da Península xenuinamente romántico. Na historia da música galega é pioneiro tamén na asimilación do folclore e trata de incorporalo ás súas composicións. Algunhas das súas obras foron editadas en Madrid, Londres, París e A Coruña (Cantares nuevos y viejos editouna o músico e editor Canuto Berea Rodríguez), pero a maioría permaneceron inéditas. A súa filla, María, doou en 1929 a biblioteca do compositor á Real Academia Galega.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso