Adrián/Adriana

Adrián/Adriana
[ONOM]

Antropónimo procedente do latín Hadrianus, sobrenome dunha estirpe romana que procedía da cidade italiana de Hadria (á beira do mar Adriático); topónimo, á súa vez, de orixe probablemente etrusca. Outra hipótese remonta o seu étimo a un posible *Ariainn das linguas célticas (divindade ligada ao pastoreo e á agricultura). Santo Adrián (ss III-IV), patrono de canteiros, mariñeiros e soldados na mitoloxía galega, é titular de 17 parroquias e conta con varias celebracións: en Cambados o 16 de xuño, en Malpica o 18 dese mes e en Verea o 31 de agosto; a festividade do mártir é o 1 ou 4 de marzo ou o 26 de agosto; a do Papa o 8 de xullo; e a do ermitán, o 4 de setembro. Outras variantes deste nome son: Adrán; Adrao, Adriao (dialectais); Adriano (cultismo); Hadrián, Hadriano (variantes gráficas). Un Adrián de noso moi sonado é o Adrián Solovio, protagonista da novela Arredor de si de Otero Pedrayo e símbolo dos homes do chamado Cenáculo Ourensán (Xeración Nós). Na tradición popular recóllense cantigas como: “San Adrián é barqueiro / barqueiro é San Adrián / San Adrián é barqueiro / que leva o remo na man. San Adrián é canteiro / canteiro é San Adrián / San Adrián é canteiro / que ten o pico na man. Meu Santo San Adrián / que estás no monte de Beo / librarás o meu irmán / que é do primeiro sorteo. Meu señor san Adrianiño / é un santo moi milagreiro, / pedinlle un home bonito, / deume un cara de carneiro. Tres veses fun a Malpica / por ve-lo San Adrián / ai que bonitiño estaba / ca súa vara na man. Hei de ir a San Adrián / que xa non podo faltar / e a Corpos de Malpica / e a persisión do mar”.

Frases feitas

  • En San Adrián sécalle a primeira raíz o pan. A mediados de xuño o trigo e o centeo comezan a secar

  • .