Adrián, santo

Adrián, santo

(s III-IV) Na tradición cristiá, foi un oficial romano que recibiu orde do Emperador Maximiano de presidir en Nicomedia (Turquía) os martirios dos cristiáns. Impresionado da carraxe desta xente ante os tormentos sufridos, converteuse á fe cristiá e fíxose bautizar. Prendérono e levárono á cadea, onde sufriu moitas torturas ata morrer decapitado. Na mitoloxía galega, Adrián predicaba polas comarcas marítimas occidentais, daquela atestadas de serpes. Nunha destas, deu un forte golpe co pé no chan e abriu un burato polo que desapareceron todas as cobras, quedando encantadas baixo unha laxa (a Pedra da Serpe de Gondomil-Corme, tamén chamada Altar de Gondomil) na que apareceu esculpido un daqueles grandes ofidios. Outra lenda comarcal di que librou os habitantes dun tributo de nenos que a gran serpe esixía anualmente. Adrián, patrón de canteiros, mariñeiros e soldados, é dos santos máis antigos no culto hispánico (s VII). En Malpica ten unha ermida fronte ás Illas Sisargas (Santo Adrián do Mar) e é o señor do monte de Beo, vencedor da serpe que pretendía pasar ás Sisargas, ao igual que san Patricio en Irlanda, feito que pode relacionarse con cultos prehistóricos ofiolátricos (adoradores de serpes), desaparecidos coa cristianización.

Palabras veciñas

Adrián IV | Adrián VI | Adrian, Edgar Douglas | Adrián, santo | Adrián/Adriana | Adriana, vila | Adriano