aeroescorregador

aeroescorregador

(< aero- + escorregador)

s m [TRANSP]

ehículo terrestre, acuático ou anfibio, que se mantén separado da superficie sobre a que se despraza mediante un colchón de aire, producido polo mesmo vehículo, que reduce as forzas de frición. O seu desprazamento conséguese normalmente con hélices aéreas, aínda que tamén foron empregadas outras formas como a propulsión de reacción, hélices mariñas e rodas ou motores eléctricos lineais, como no caso do aeroescorregador guiado ou aerotrén. O aeroescorregador ten unha grande adaptabilidade e converteuse no vehículo anfibio por excelencia. A separación do aeroescorregador da superficie (terra, auga, raíl) pode ser desde algúns milímetros ata tres metros ou incluso máis. Os deseñadores do Hovercraft -primeiro modelo comercial do aeroescorregador (SR-N1, 1959)- puxeron a pauta para os modelos SR-N5 e SR-N6 e o sistema de chorro periférico, que consiste na creación dun recinto anular na periferia do vehículo por onde se inxecta aire a presión. Con este sistema poden sustentarse vehículos de ata 260 t de peso total, carga útil de 100 t e velocidade máxima de 130 km/h.

Palabras veciñas

aeroduto | aeroelasticidade | aeroelectrónica | aeroescorregador | aeroespacial | aeroesquí | aeroestación