aeroestación

aeroestación

(

s f [AERON]

Técnica e práctica que permite o voo de aparellos mediante o emprego de balóns de gases menos pesados que o aire (aerostatos). Na obra de Francesco de Lana (1631-1687) Podromo overo saggio di alcune invenzione nuove, descríbese un proxecto de aeronave baseada no principio de Arquímedes e cunha forza ascensional que había de proporcionar unhas esferas de cobre baleiras de paredes moi finas. Aínda que a idea da esfera baleira era teoricamente válida, a imposibilidade de encontrar un material suficientemente lixeiro, e tamén, suficientemente resistente para impedir que a esfera fose estropeada pola presión atmosférica, fixo inviable a idea de Lana. Se ben Tiberio Cavallo comunicou, en 1871 na Royal Society de Londres, os experimentos con burbullas de xabón e con vexigas de animais cheos de hidróxeno. Foron os irmáns Joseph e Etienne de Montgolfier os que, tendo observado a diminución da densidade do aire cando se quenta, construíron un montgolfier duns 12 m de diámetro que despegou en Annonay, cerca de Lión o 5 de xuño de 1783. O físico Jacques Alexandre César Charles realizou unha experiencia similar utilizando, sen embargo, hidróxeno. A partir destes datos consideráronse as posibilidades de tripular os globos, e o 19 de setembro un montgolfier fixo un voo duns 3 km, e aterrou airosamente. Os irmáns Montgolfier construíron un gran globo provisto dunha especie de galería disposta arredor do orificio interior destinada aos futuros aeronautas e o 15 de outubro o científico Jean-François Pilâtre de Rozier, foi elevado polo globo a unha altura duns 25 m durante 4 minutos e 24 segundos. O 21 de novembro Rozier e o marqués de Arlandes partiron, nun primeiro voo libre, do castelo de la Muette e, despois duns 25 minutos cunha altura máxima de máis de 1.000 m, o globo aterrou. Poucos días despois, Charles e Nicolas Louis Robert executaron o primeiro voo cun aerostato de hidróxeno que tiña xa a forma dos globos tripulados clásicos: un envurullo de tea impregnada de caucho, barra suspensa mediante unha rede, válvula para o descenso, lastre e áncora. Desde aquel momento por Europa e os EE UU, a práctica da aerostación estendeuse rapidamente e o globo incorporouse ás actividades deportivas, bélicas e científicas. Así Jean-Pierre Blanchard e John Jeffries, o 17 de xaneiro de 1785, atravesaron con globos a canle da Mancha. As tropas francesas empregárono na batalla de Fleures para observar o inimigo; e, en 1804, Gay-Lussac utilizouno para o estudo das variacións do magnetismo terrestre e da composición do aire. O perfeccionamento da máquina de vapor fixo posible que Henry Giffard, en 1852, instalase unha bastante lixeira (45 kg e 3 CV) nun aerostato propulsado con hélice e dirixido con timóns, tipo dirixible. Foi Charles Renard quen proxectou o primeiro dirixible capaz de retornar ao lugar de partida; o 9 de agosto de 1884, o seu La France elevouse en Meudon e aterrou ao final dunha viaxe de 20 min. O sistema motopropulsor estaba constituído por unha batería eléctrica que accionaba a hélice. A partir deste momento, o dirixible desenvolveuse rapidamente: adopción do motor de explosión en 1898 por Alberto Santos-Dumont, construción do primeiro dirixible ríxido de Ferdinand von Zeppelin en 1900, construción do primeiro dirixible semirríxido dos irmáns Paul e Pierre Lebaudy en 1902. En 1910 foi iniciada en Alemaña a primeira liña aérea comercial regular, servida por zeppelins, que, ata o inicio da Primeira Guerra Mundial, transportou uns 30.000 pasaxeiros. Acabada a guerra, o dirixible británico R-34 fixo a travesía Edimburgo-Mineloa (Nova York) e iniciou un período de marcas de voo. A substitución do hidróxeno gas por helio, non combustible, fíxose en pequena escala, xa que, ademais de ser máis pesado ca o hidróxeno, só os EE UU dispoñían del a un prezo adecuado. Desde o principio dos anos trinta, iniciouse a regresión do dirixible como medio de transporte ante o avión e cando, o 6 de maio de 1937, o Hindenburg se incendiou en Lakehurst, Nova Jersey, EE UU, o descenso do dirixible acelerouse, e desapareceu, en usos comerciais, ao principio da Segunda Guerra Mundial. A física, para o estudo dos raios cósmicos, a astronomía, para a obtención de fotografías de astros, e a meteoroloxía, para obter datos sobre dirección e forza do vento, temperaturas, humidade, presión e demais, son algunhas das ciencias que fixeron uso dos globos, sendo tripuladas, ata alturas superiores aos 34.000 m mediante un globo estratosférico, ou non tripuladas mediante un globo piloto ou un globo sonda.

Palabras veciñas

aeroescorregador | aeroespacial | aeroesquí | aeroestación | aerofaro | aerofaxia | aerofilatelia