aeronáutica

aeronáutica

(< aero- + náutica)

s f [AERON]

Tecnoloxía que fai posible a construción e o voo dunha aeronave calquera. A aeronáutica trata do proxecto, a construción e o funcionamento de aeronaves e outros aparellos que se desprazan polo aire. Ten como actividades conexas a aerostación, que trata dos aparellos máis lixeiros ca o aire, e a aviación, que trata daqueles máis pesados ca o aire. As necesidades cambiantes da aviación encamiñaron o progreso da aeronáutica á mellora continua da potencia, velocidade, resistencia, manobrabilidade, autonomía ou capacidade das aeronaves. O desenvolvemento da aviación, a partir da Primeira Guerra Mundial, impulsou as buscas en direccións pouco ou nada traballadas ata entón e en campos tan diferentes como a aerodinámica, a meteoroloxía, a resistencia dos materiais, a propulsión, a condución e a navegación aéreas, as infraestruturas de terra, etc. Os materiais e as estruturas dos primeiros avións foron elixidos en función, sobre todo, do pouco peso. Combinouse a tea e a madeira, pero a necesidade de aumentar a capacidade de carga dos avións e, polo tanto, a súa resistencia, determinou recorrer primeiro ao aceiro para algunhas partes da fuselaxe e, despois, ao aluminio e ás súas aliaxes. Ao impoñerse a técnica da construción metálica autoportante, suprimiuse a armadura de tubos de aceiro e as estruturas alixeiráronse, con beneficio da capacidade de carga. A introdución do motor de reacción e das conseguintes velocidades supersónicas obrigou a eliminar ao máximo as perturbacións aerodinámicas que producen as cabezas dos remaches do carenado externo, e polo tanto fai desenvolver a unión de metal con metal mediante resinas epoxi. Por outro lado, os fenómenos de quentamento cinético conduciron as investigacións cara a materiais como o titanio. Ademais do uso do metal (aluminio, aceiro ou titanio segundo as necesidades concretas) actualmente tamén se empregan materiais compostos a base de fibra de vidro, de carbono ou boro. A mellora constante para obter unha elevada relación potencia, conduciu a adoptar motores de explosión de estrela refrixerados por aire. A elevación do teito de voo foi posible grazas aos motores sobrealimentados. As esixencias en canto a velocidade e teito do voo levaron ao uso de motores sen hélices; o motor foguete foi o primeiro que obtivo éxitos prácticos, seguido polo turborreactor, que foi moi aplicado. Na liña enfocada cara ao aforro do carburante e á redución da contaminación acústica e atmosférica, introducíronse os turborreactores de dobre fluxo (turbofan), que se encontran a medio camiño entre os turborreactores clásicos e os turbopropulsores, estes últimos recuperando a hélice e sendo impulsada por unha turbina de gas. Polo que afecta ás telecomunicacións e aos automatismos, os cambios foron fundamentais e avanzaron dende a primitiva telegrafía sen fíos e a incorporación dos emisores-receptores ás liñas regulares, ata o control automático xeral e os calculadores de optimación, pasando polo sistema electrónico de alimentación de carburante e implantación da aviónica, imprescindible para a moderna aeronáutica. O grao de seguridade obtido nos instrumentos de a bordo permitiu a automatización, eventualmente telecomandada das principais manobras de determinados avións. A aerodinámica ten unha importancia capital. Un dos principais elementos, as ás, sufriron multitude de estudios e realizacións. Entre outros tipos, cómpre mencionar a á delta, a á en frecha, a á de crecemento e a á de frecha variable no voo. Os avións civís de transporte, ademais de seren cada vez máis seguros, son máis anchos. Hai que destacar o Boeing B-747, o McDonnell-Douglas DC-10, o Lockheed L-1011 e o Airbus. O Concorde e o Tupolev Tu-144 son grandes avións de transporte supersónicos. As sociedades, estatais ou privadas, que poden coordinar grandes inversións e sofisticados medios de investigación son ben poucas. A construción de avións para o transporte civil está controlada en Occidente por tan só catro compañías: Boeing, McDonnell-Douglas e Lockheed nos EE UU e o consorcio europeo Airbus Industrie. A aviación militar está controlada polos EE UU (General Dynamics, Northrop, Gruman e Fairchild Industries, ademais das xa mencionadas), Rusia, Francia, Gran Bretaña, o consorcio europeo Panavia e China. Dentro da industria aeronáutica civil e militar hai os dous subsectores das industrias de avionetas e helicópteros. Á hora de reseñar as principais compañías, pódese facer mención a Cessna Aircraft (EE UU) e Dassault-Bréguet (Francia). No sector dos aeroxiros, unhas cantas marcas e industrias controlan a maior parte do mercado: Hughes Corporation, Bell, Aérospatiale e Sikorsky. No estado español, Construciones Aeronáuticas SA (CASA) e Aeronáutica Industrial (AISA) conseguiron colocar os seus produtos no exterior. A primeira participou no programa Airbus e ten no mercado algúns modelos, como o reactor de adestramento militar Aviojet C-101 e o medio de transporte Aviocar C-212. A compañía CASA é de capital maioritario do INI e ten participacións minoritarias das industrias aeronáuticas MBB (Alemaña) e Northrop (EE UU). AISA fabrica un autoxiro chamado GN, continuando a traxectoria iniciada en 1927 cos primeiros aparellos de De la Cierva.

Palabras veciñas

Aeromonas | aeromotor | aeronauta | aeronáutica | aeronáutico -ca | aeronautónimo | aeronaval