afiador -ra

afiador -ra

(< afiar)

  1. adx

    Que serve para afiar.

    Ex: Ten un novo aparello afiador que fai marabillas.

  2. s [OFIC/ETN]

    Persoa que ten por oficio amolar ou afiar instrumentos cortantes. A súa figura constitúe un dos símbolos de Galicia polo mundo. O afiador, inseparable da súa roda e do seu chifre, foi un dos personaxes máis queridos pola poboación rural e urbana tanto pola súa función práctica á hora de amañar trebellos de necesidade primaria como pola súa función social ao ser un “home de mundo” cheo da experiencia e do coñecemento que dá o paseo diario polas rúas das vilas, congostras e rueiros das aldeas descoñecidas para moitos dos seus clientes e, ás veces, amigos e mesmo confidentes. O barallete é o seu argot. Presenta un vocabulario propio que semella estar constituído por palabras incorporadas como adaptacións de vocablos recollidos noutras linguas coas que, pola súa condición viaxeira, tiñan contacto. Esta linguaxe, propia do gremio, lonxe de afastar facía aumentar a curiosidade e simpatía polo afiador alí onde estivese anunciándose sempre cos asubíos do seu chifre de buxo e arrastrando a súa roda de amolar. Desta simpatía que espertou a súa figura senlleira quedan lembranzas perdurables na arte, na literatura e incluso na música dende o s XVII. Os gritos do afiador á entrada das aldeas e vilas anunciando os seus servicios, indica que a súa función non era unicamente a de pór a punto obxectos con gume senón que, en realidade, era un compoñedor de todo tipo de apeiros domésticos como paraugas, pechaduras, pratos e fontes de metal, olas e penicos. Daquela, a súa tarazana era un taller ambulante con pequenos caixóns cheos de ferramentas e anécdotas coas que conversar durante o traballo.

    Ex: O asubío indica que o afiador está na rúa.

Palabras veciñas

afiadeira | afiado -da | afiadoira | afiador -ra | Afiador, O | afiadura | afialapis