Afonso III o Magno ou o Grande
Rei de Galicia Asturias e León (866-910). Fillo de Ordoño I, que o elixiu para sucedelo nomeándoo Rei de Galicia. Este feito ocasiona a sublevación dos condes galegos Hermenexildo, que trataba de usurparlle a coroa, e o lucense Froila Vermúdez, que o acada, facéndoo fuxir a Castela; os propios homes do usurpador asasínano e proclaman Rei a Afonso. Ao longo do seu Reinado sucedéronse en Galicia as revoltas na súa contra: no 866 será novamente Hermenexildo quen se rebele; derrotado, perde os seus bens, doados polo Rei en agradecemento á basílica compostelá. Consonte o pulo que a Córdoba musulmá acadara, que obrigaba ao pago de diversas imposicións aos reinos cristiáns e á intervención na súa política interna, Afonso decidiu axudar no 873 aos Banū Qasī fronte ao Emir de Córdoba, Mu ḥ ammad I. No 876 aliouse co muladita de Mérida, ibn Marwān, vencendo entrambos o exército cordobés. No 877, ibn Marwān abandonou Badajoz poñéndose baixo a protección do rei cristián. O mesmo ano Mu ḥ ammad I tentou parar a expansión territorial do reino de Afonso enviando contra Galicia unha expedición militar mandada por Abuhalit, e derrotada polos cristiáns a pesar da súa inferioridade militar. Ao ano seguinte ocorreu o mesmo en Polvoraria e Valdemora cos exércitos cordobeses que marcharon contra León e Astorga. Mu ḥ ammad I, preocupado polas revoltas internas do Al-Andalus, solicitou unha tregua, a primeira que un emir cordobés aceptaba dos musulmáns (881). Tras estas vitorias o rei cristián levou a cabo diversas expedicións militares cara ao sur, nas que chega ata Coimbra, o que lle permite repoboar, roturar e repartir mediante o sistema de pressuras as terras comprendidas entre o Miño e o Douro, feito que será decisivo na configuración da paisaxe agraria do N da Península Ibérica. As loitas, as negociacións e as distintas alianzas entre Afonso e os árabes, cos conseguintes avances e retrocesos na expansión cristiá, caracterizan o resto do seu reinado. Tiveron importancia as relacións con Mu ḥ ammad ibn Llop de Zaragoza e con Ibn Marwān. Co matrimonio coa princesa navarra Ximena conseguiu a amizade dos perigosos vascóns. Aproveitou a hostilidade dos Banū Qasī contra Córdoba para afianzar a súa resistencia fronte ao Islam. Coa figura de Afonso III reforzouse a institución monárquica, en estreita alianza co poder da Igrexa. Aínda que rompeu coa tradición visigoda da transmisión indivisible do poder, para xustificar a preeminencia do rei fronte á nobreza reivindicou os seus dereitos como provenientes da monarquía goda, que, interrompida coa chegada dos árabes, continuou por Paio (que comeza a ser citado neste momento), pretendidamente enparentado con don Rodrigo. Con esta teoría, a monarquía de Afonso III reivindicaba para el e os seus sucesores dereitos sobre toda a Península Ibérica, a pesar do cal debeu de facer fronte a varias sublevacións: semella que foron dous dos seus fillos, Ordoño e Froila, quen, xunto con outros nobres, o destronaron no 910. Afonso foi preso e cativo en Zamora, onde morreu tras ir en peregrinaxe a Compostela. O reino foi repartido entre os diferentes grupos de presión que se foran consolidando nos seus distintos territorios, quedando cada fillo cunha parte: Froila quedaba co Reino Astur, centrado en Oviedo; León, principal cidade das terras máis recentemente colonizadas, foi para García; o Reino de Galicia, que conservaba case as mesmas fronteiras que na época sueva, herdouno Ordoño II, que gobernaba dende Compostela. Como os seus antecesores, promoveu obras na basílica compostelá: é a denominada segunda catedral, de tres naves e ornamentada con materiais preciosos, consagrada no 893 e logo destruída por Almanzor.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Zamora