Afonso V de Aragón o Magnánimo
Rei de Aragón (1416-1458). Fillo de Fernando, quen deixou trazada a política xeral dos reinos proseguida polos seus fillos, e Leonor de Alburquerque. Mostrou unha sensibilidade ao catalán moi axiña, aínda que no Parlamento de Barcelona (1416) fixera a proposición real en castelán, nas Cortes de Sant Cugat (1419) leu a proposición en catalán. En Sardeña afianzou o dominio catalán (1420) grazas a un acordo co vizconde Guillerme III de Narbona e na illa de Córsega puxo cerco a Bonifacio para facer efectivo o título de Rei de Córsega; así mesmo, entrou na cidade de Nápoles logo de vencer por terra a Luís de Anjou e por mar aos xenoveses. Afonso volveu a Catalunya e permaneceu nove anos nos seus reinos ibéricos. A súa política exterior estivo marcada pola oscilación de intereses entre a expansión mediterránea e a peninsular, con predominio definitivo da primeira. As guerras dos Trastámara de Aragón contra os de Castela, que custaron a vida do infante Enrique (1445), procuraron o dominio de Toledo e Sevilla (1425) e a conquista do Reino de Granada e non ocultaron as ambicións de Afonso para converterse en Rei de Castela. En 1432, partiu a Italia e logrou a definitiva submisión de Nápoles (1442) logo de dez anos de pugnas diplomáticas e bélicas, que marcaron o inicio da expansión de Aragón polo Mediterráneo oriental. Este feito, agravado polo pulo que Afonso deu aos países do concilio de Basilea rebeldes ao Pontífice romano, alertou ás potencias europeas, o papado e os Anjou. As aspiracións de Afonso no Próximo Oriente conduciron á dominación catalá en Grecia; á vasalaxe do albanés Skandërbeg; ao nomeamento de Ramón de Ortafá como Vicerrei de Albania, de Grecia e de Eslavonia e de Xan Claver de Epir e de Morea; ao enlace coa coroa de Hungría; á loita contra os turcos, que derivou en numerosas ocupacións do litoral nilótico, siríaco e chipriota; envía embaixadores ao preste Xoán das Indias, ao Emperador de Trebisonda, ao de Constantinopla e ao Khan de Pequín (1452) para evitar que Constantinopla caese en mans dos turcos, feito que ocorreu en 1453; ademais procurou afirmar a penetración nos Balcáns nunha fronte catalano-albanesa. Ao morrer Afonso, a coroa aragonesa pasou ao seu irmán Xoán II, a de Nápoles ao seu fillo Fernando I e o imperio oriental afundiuse axiña. Nas loitas entre as clases barcelonesas, Afonso decantouse polo partido popular ou da Busca. Interesouse polos estudios gregos, latinos e bíblicos. Rodeouse de humanistas como L. Valla, a quen encargou a tradución da Ilíada e da Política de Aristóteles, ou A. Beccadelli, promotor da Academia Alfonsina; protexeu a Donatello, a Pisanello, quen lle esculpiu a esfinxe, a F. Laurana, autor do Arco do Triunfo do Castelo Novo de Nápoles, ao pintor J. Baçó e, entre outros, ao mestre de Antonello da Messina.
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Nápoles