Afonso dos Santos, José Manuel Cerqueira, José Afonso ou Zeca Afonso

Afonso dos Santos, José Manuel Cerqueira, José Afonso ou Zeca Afonso

Cantautor. Fillo dun procurador da República, José Nepomuceno Afonso e de María das Dores. Durante a súa infancia percorreu diversos países, entre outros Angola, Mozambique e Belmonte, que suporían continuas referencias no seu desenvolvemento artístico. Dende a década dos 40 ata 1953, Coimbra foi a súa residencia. Moi ligado á Facultade de Letras e ao Liceo, foi durante esta etapa integrante do Orfeão Académico e da Tuna Académica da Universidade. A partir de 1955, comezou a súa etapa dentro do ensino percorrendo varias vilas portuguesas. Zeca Afonso gravou o seu primeiro disco no 1953, Fados de Coimbra. Entre 1964 e 1967, volveu a Mozambique onde foi mestre. Esta etapa foi fundamental para cimentar a súa conciencia anticolonial. Por razóns políticas foi expulsado do ensino oficial e a música pasou a converterse no seu medio de expresión e de vida. Contrario ao réxime ditatorial portugués, entrou a formar parte do grupo de artistas prohibidos polo que as súas cancións foron censuradas, emprendendo unha etapa de comprometida actividade política apoiada pola súa participación en numerosas asociacións que defendían as liberdades humanas. En 1974 o Xeneral Antonio Spínola elixe, xunto cun locutor da radio lisboeta Renascença o tema Grândola Vila Morena como sinal para poñer en marcha as operacións militares do 25 de Abril. Grândola de José Afonso converteuse ás 0.20 horas na bandeira da Revolución e o caravel na insignia da liberdade. Posteriormente, os cantantes da Revolución rompen a fronte común, dada a división que se produciu na esquerda. José Afonso mantívose á marxe das loitas políticas e comezou unha andaina en solitario en prol da loita pola democracia e os dereitos humanos. O músico mesturouse co pobo, simbiose que culmina coa identificación dos temas do autor como propios do pobo, en moitos casos asumidos como tradicionais ou populares. Morreu despois dunha longa enfermidade dexenerativa. Numerosas homenaxes confirmaron o agarimo, respecto e admiración que os seus amigos, público e artistas sentían polo cantante. Destacou a homenaxe feita en Vigo o 31 de agosto de 1985. Entre os títulos discográficos que nos deixou, destacan: Fados de Coimbra (1956), Balada de Outono (1960), Baladas de Coimbra (Menino d’oiro, (1962), Baladas de Coimbra (Os vampiros, (1963), Cantares do Andarilho (1968), Contos velhos rumos novos (1969), Menina dos olhos tristes (1969), Cantigas do Maio (1971), Eu vou ser como a toupeira (1972), Venham mais cinco (1973), Coro dos tribunais (1974), Viva o poder popular (1975), República (1975), Zeca em Coimbra (1983), Ao vivo no Coliseu (1983), Como se fora seu filho (1983) e Galinhas do Mato (1985).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Portugal

  • Deceso