africano -na

africano -na
  1. adx

    Relativo ou pertencente a África ou aos seus habitantes.

    Ex: A riqueza africana radica na súa mestura de culturas.

  2. adx e s

    Natural ou habitante de África.

    Ex: Os meus dous mellores amigos son africanos.

  3. adx

    Relativo ou pertencente á África negra ou subsahariana ou aos seus habitantes.

  4. adx e s

    Natural ou habitante da África negra ou subsahariana.

  5. s m [CLIMAT]

    ávrego.

  6. arte africana [ARTE]

    Arte dos pobos da África negra. No derradeiro cuarto do s XIX a cultura occidental comenzou a se interesar de xeito intensivo no seu coñecemento, non sendo ben apreciada ata comezos do s XX. As principais realizacións poden situarse entre os séculos da Idade Media europea e o XIX. Reúne unha gran diversidade de estilos e de significacións, relixiosas ou máxicas e estéticas, sobre os símbolos da autoridade e o culto aos mortos. A escultura é a súa principal manifestación, e a madeira o material máis empregado, abundando tamén a pedra, o marfil, o barro cocido e certos metais. En canto á clasificación estilística, pódense destacar os grandes conxuntos rexionais, situados ao redor do gran golfo de Guinea, dende Malí e Burkina Faso ata Camerún e o Congo. Entre estas culturas cómpre salientar a dos bambares, os dogóns e os senufos. Nas terras de Gana, de Benín, de Nixeria e do Camerún sobresaen a dos baules e a dos axantes, que traballan o ouro, o cobre e o bronce. Son ben coñecidas pola súa perfección as obras de arte de Benín, dos iorubas e de Nok. Nas rexións do Camerún, de Gabón e do Congo, son moi representativas a arte dos fangs, os kubas, os iubas, os bamilekés e os kotes. Na rexión do Chad encontráronse restos dos sahos, pobos desaparecidos no s XVI, cunha metalurxia de gran calidade. A arte africana tivo unha influencia decisiva nas vangardas europeas (cubismo, surrealismo, etc). Algunhas tendencias da crítica actual reflexionaron sobre o excesivo etnocentrismo con que a cultura occidental viña observando a arte africana, separando as pezas do seu contexto, da súa funcionalidade, tratándoas como obxectos autónomos de interese principalmente estético e museístico. Xorde así a idea de que este tipo de arte, que nunca se configurara como disciplina autónoma, para non ser desnaturalizada ten que entenderse en toda a súa dimensión simbólica e funcional dende un punto de vista fundamentalmente antropolóxico.

  7. cine africano [ESPECT/IMAX]

    Cine dos pobos da África negra. O desenvolvemento do cine como industria e como medio de expresión variou segundo a herdanza dos países colonizadores de cada área. Así, nas colonias e nos países independentes con dominio político branco non hai cine autóctono. Na África de lingua francesa, destaca a produción senegalesa, a máis rica. Entre os seus autores, o novelista e realizador Ousmane Sembéné conseguiu achegar a súa obra cinematográfica ao público europeo e aos festivais internacionais, como o de Venecia, onde foi galardoado en 1987 por Camp de Thiaroye (Campo de Thiaroye). Os seus filmes son exemplos válidos do cine popular. Ademais, cómpre citar directores como Mahama Trahoré, Safi Faye e J. Ramaka Gay. Noutros países, pódense salientar tamén autores como Mustafá Alassane e Mahamanea Bakabé, de Nixeria; Jean Pierre Dikongue Pipa, do Camerún; Haile Gerima de Etiopía; Abid Med Hondo e Sidney Sokhona, de Mauritania; S. Cissé, premiado en Cannes por Yeleen (O lume, 1987) e C. Oumar Cissoko, de Malí; Flora Gomes, de Guinea; Idrissa Ouedraogo, que obtivo o Premio do Xurado do Festval de Cannes de 1990 con Tilai, e Gaston Kaboré, ambos de Burkina Fasso. A África anglófona, onde se favoreceu menos o cine autóctono, mantivo a súa dependencia colonial e tan só poden ser mencionadas algunhas producións anónimas sobre o apartheid na República de Sudáfrica.

  8. literaturas africanas [LIT]

    Cos nomes de negras, negro-africanas ou africanas, desígnanse as literaturas desenvolvidas polos africanos da área subsahariana. A discrepancia de nomes provén da diversidade de enfoque, pero sobre todo da falta de bases documentais amplas sobre unha materia que non comeza a recollerse ata o último terzo do s XIX nin a estudiarse ata unha época máis recente. Pola ausencia de linguas escritas, estas literaturas permaneceron nun estadio oral, feito que impedía comprobar a súa riqueza e a estrutura sociolóxica en que se asentaban. Esta literatura tradicional coexiste, a partir dos anos trinta, coa chamada neoafricana, escrita basicamente en linguas europeas e utilizando as súas formas de cultura. Os seus representantes, agrupados pola crítica europea segundo as zonas lingüístico-culturais dos colonizadores, tomaron conciencia da súa cultura específica ata o punto de que algúns deles -Leopold Sédar Senghor, etc- crearon o concepto de negritude. Na zona de influencia cultural francesa, sitúanse escritores como L. S. Senghor, A. Sadji e D. Diop, no Senegal ou J. Kellé-Matiba e M. Beti, no Camerún. Na zona de influencia inglesa, os sudafricanos Peter Abrahams e E. Mphahalele; os nixerianos D. C. Osamdebay, H. Ogunde, C. Ekwensi, C. Achebe, D. Ladipo e W. Soyinka; K. Awoomor e A. K. Armah, de Gana; J. Ngugi de Quenia e O. P’Bitek, de Uganda, etc. Na zona de influencia portuguesa, os angolanos A. Jacinto, M. Andrade, L. Vieira e A. Neto ou J. Craveirinha, N. de Souza e M. Couto, de Mozambique. En xeral, os poetas son os que obtiveron un nivel de creación máis alto e os que mellor entroncaron coas formas autóctonas, sen embargo, nos últimos anos está a xurdir unha potente literatura en prosa que está a renovar o panorama literario internacional cun enfoque comprometido coas realidades sociais dos seus respectivos países.

  9. música africana [MÚS]

    Música dos pobos da África negra. As numerosas variantes da música negra pertencen á categoría de música non escrita, de tradición oral. Dende o punto de vista estilístico pódese subdividir a África negra en dúas grandes áreas musicais delimitadas por unha liña paralela ao ecuador situada entre este e o trópico de Cáncer. A zona do norte esténdese por todo Senegal e Sudán, moi influenciada polo Islam. A rexión musical do sur, onde se cultiva a música puramente negra, pode ser subdividida en catro rexións. A primeira coincide coa zona de linguas bantús, caracterizada pola emisión totalmente natural da voz con tendencia ao rexistro grave; os conxuntos instrumentais, dunha gran riqueza rítmica, son numerosos. A segunda subdivisión corresponde á música do golfo de Benín, cunha predilección polo canto de melodías moi amplas a unha soa voz. A rexión de Gana, en terceiro lugar, ten unha caracterización polifónica. Finalmente, a última subdivisión está formada por unha serie de núcleos situados ao N do ecuador, na rexión montañosa do Camerún. A polifonía dos territorios desta última subdivisión é case sempre instrumental. A instrumentalidade africana ofrece unha gran variedade de familias que comprende dende modelos moi primitivos ata arpas e instrumentos de percusión moi perfeccionados. Os músicos africanos son verdadeiros virtuosos no campo rítmico e tímbrico, exerceron unha forte influencia no xeito de tocar os instrumentos e nas formas musicais de EE UU.

Palabras veciñas

africanista | africanística | africanizar | africano -na | Africanthropus | africantropo | africar