Agostiño de Santiago, convento de Santo

Agostiño de Santiago, convento de Santo

Levantado sobre a ermida da Nosa Señora da Cerca, erixida por Bieito González de Araujo en 1595. En 1617, o Arcebispo Xoán Beltrán de Guevara concedeulle o control da ermida aos agostiños de Arzúa co obxectivo de instalar alí un convento e de colaborar coa Universidade Compostelá. No primeiro terzo do s XVII, Bertomeu Fernández Lechuga realizará as trazas do claustro da igrexa, que executou Francisco González Araujo. A igrexa segue as propostas emanadas da Contrarreforma, mantendo unha planta de cruz latina inscrita nun rectángulo, cunha soa nave cuberta por bóveda de canón. O retablo maior, obra do entallador Pedro Taboada, amosa unha clara influencia estilística do taller de Andrade, referencia do Barroco compostelán. Trala desamortización (s XIX), e logo de albergar diversas actividades civís, pasou á Compañía de Xesús, que en 1918 merca as ruínas do convento e adquire do arcebispado o usufruto perpetuo da igrexa. Na actualidade o edificio alberga unha comunidade de xesuítas que rexenta un colexio maior universitario masculino.