Agromar
Publicación asinada en 1936 por Xosé Acuña, pseudónimo de Xosé Filgueira Valverde. Pode considerarse como o primeiro texto dramático orientado á infancia e á mocidade, se ben con anterioridade tivesen aparecido algunhas outras pezas, como as do Arcebispo Manuel Lago González ou Teatro dos Nenos, de Álvaro das Casas (1936). A obra, concibida na liña da peza didáctica orientada a ilustrar as conciencias de lectores e posibles espectadores, dá conta da transformación que sofre Nito, que de ser un señorito da vila se converte nun mozo de aldea facendo seu o ideal da terra e da defensa dos seus sinais de identidade. Xanciño -antes Juanito- transfórmase, logo dun rito iniciático comunitario, nun símbolo daquela caste de fidalgos e ilustrados galeguistas que poboaban as obras de Ramón Cabanillas, Antón Villar Ponte ou Ramón Otero Pedrayo.