Agrupación Guitarrística Galega
Sociedade formada por un grupo de guitarristas afeccionados e profesionais que, ao redor do profesor Antonio Uxío Mallo, se xuntaron para tocar e intercambiar coñecementos e partituras. A primeira xuntanza tivo lugar en xaneiro do 1977 en Vigo, á que asistiron 9 persoas, logo consideradas socios fundadores, e en xaneiro de 1978 solicitouse a inscrición da AGG como sociedade legal, aprobada a nivel galego polo Ministerio do Interior en novembro do mesmo ano. Organizouse nunha serie de centros locais (Pratteln en Suíza,Vigo, Lugo, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela) e contou con socios non vinculados a centros locais (Vilagarcía de Arousa, Vilanova, Negreira, Guláns, O Carballiño, Cangas e Tui) e socios correspondentes fóra de Galicia. O conxunto estaba dirixido por un centro coordinador elixido por votación en asemblea xeral anual; as xuntanzas trimestrais e as asembleas xerais do centro coordinador eran rotativas. Iniciou a formación dunha partituroteca e dunha biblioteca guitarrística, e realizou seminarios de investigación, cursos de guitarra e concursos, destacando o Concurso Internacional de Ourense, así como recitais públicos en toda Galicia dende xaneiro de 1978 e dous simposios: Symposium de Creación Artística sobre a Guitarra (Vigo, 1978) e Evolución da Guitarra (Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela, 1980), acompañados de concertos, exposicións de pintura e escultura alusivas á guitarra, representacións teatrais, recitais de poesía, conferencias e mostras filatélicas. A través da AGG estreouse o primeiro concerto de autor galego para guitarra e orquestra Anceio op. 24, de Daniel Quintas, estreado en Vigo (1979). A partir do 1984 comezou o declive da AGG e desapareceu a fins da década dos oitenta.