Agrupación Fotográfica Gallega

Agrupación Fotográfica Gallega

Foi a pioneira das agrupacións de afeccionados galegos, xa que se constituíu en Vigo no ano 1946, anos antes de que este tipo de asociacións fotográficas proliferasen no resto de Galicia. Entre os seus membros fundadores estiveron, entre outros, José Bellver, Federico Bermúdez ou Benedicto Conde. Tivo a súa sede na rúa Eduardo Iglesias, ata o ano 1975 en que cambia para a actual situación na rúa Uruguai. A súa época de maior actividade e importancia fotográfica corresponde ao período no que Raniero Fernández é o seu presidente (1954-1969). Durante esta época foron membros destacados da asociación fotógrafos como Smidt de las Heras, Veiga Roel ou Ricard Terré. A actividade centrábase entón sobre todo na concursística. Organizábase anualmente o Salón Nacional e Ibérico, e celebrábanse exposicións como a de Otto Steinert ou a do grupo mexicano “La Ventana”. A estética que imperaba entre os fotógrafos da asociación era formalista, academicista, en ocasións pictorialista, tónica xeral neste tipo de agrupación de afeccionados da época. A asociación editou, desde mediados dos cincuenta ata mediados dos sesenta, un boletín informativo coas actividades desenvoltas e opinións diversas sobre o oficio e a arte da fotografía. Nas súas páxinas pódese atopar un certo debate sobre a estética imperante, que autores como Ricard Terré xa criticaban daquela. No ano 1962 créase a sección de Santiago, con Luís Ksado como presidente. Esta sección escindiuse pronto. Durante a década dos sesenta tanto na asociación de Vigo como na de Santiago, a actividade fotográfica vai sendo desprazada pola actividade cinematográfica, que cobra auxe entre os afeccionados ao tempo que, vinculadas ás asociacións, se fundan cine-clubs abertos a un máis amplo sector social. Na asociación de Vigo esta actividade pervive ata os anos oitenta. Na actualidade, a Agrupación Fotográfica Gallega dedícase principalmente a organizar cursiños de técnica fotográfica e algún concurso local, ao tempo que ofrece os seus socios o acceso a un laboratorio e outros materiais fotográficos.