Agulla
-
[ONOM]
Apelido procedente dun alcume que, na súa orixe, se lle aplicou a un individuo que probablemente tiña por profesión a xastrería. Procede do latín acucula. Este apelido xa se documenta no s XIII: “Nuno Agulia” (doc ano 1246, El Monasterio de San Esteban de Ribas Sil de E. Duro Peña, p 280), “Johan Agulla” (doc ano 1299, História do galego-português. Estado lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI de C. de Azevedo Maia, p 212).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que estableceu casas nas vilas de Pontevedra, Cambados, O Porriño e outras comarcas dos arredores. As súas armas traen, en campo de sinople, tres peixes agulla de prata coa cabeza cara a arriba. Outras variantes levan, en campo de sinople, cinco peixes agulla de prata, dereitos e postos en faixa; o bordo é de ouro e vai cargado de cinco follas de figueira de sinople.