agulla

agulla

(< lat acucula ‘agullapequena’ dim de acus ‘agulla’)

  1. s f

    Barriña de metal ou doutra materia dura, acabada en punta.

  2. [TÉXT]
    1. s f

      Barra pequena, fina e longa, normalmente de metal, pero que pode estar feita doutros materiais, rematada en punta nun extremo e cun burato no outro polo que se fai pasar o fío, cordel, etc, usada para coser e bordar, ou sen burato se se usa para facer punto.

      Ex: Cóseme o botón coa agulla que tes nesa caixa.

    2. s f

      Nas máquinas de fabricación de xéneros de punto, peza metálica alongada acabada en gancho e provista de medios para cerrar o que serve para formar a malla.

    3. agulla de bordar

      Agulla, xeralmente máis fina e máis curta ca a de coser, empregada para bordar; pode ter máis dun ollo para enfiar diversos fíos.

    4. agulla de cardar

      Cada unha das agullas que ten a gornición do aparello que serve para cardar.

    5. agulla de cego

      Agulla que ten o corpo partido en dirección á punta para poder introducir o fío, sen enfiala.

    6. agulla de coser

      Agulla recta, alongada ou en forma de fuso, acabada en punta, que serve para coser todo tipo de roupa.

    7. agulla de debuxo

      Barriña collida ao punto dun debuxo jacquard para que se suxeite no dispositivo do leito.

    8. agulla de embalar

      Agulla grosa, de punta recta ou curva, empregada para coser tea de embalaxe.

    9. agulla de facer calcetíns

      Barriña de 20 cm de largo, aproximadamente, cos dous extremos acabados en punta, utilizada en xogos de 4 ou 5 agullas para facer tecidos de media en redondo.

    10. agulla de facer colchóns

      Agulla máis longa ca a de coser (ata uns 18 cm), empregada para coser teas de colchóns.

    11. agulla de facer malla

      Barriña en forma de forca nos extremos, usada para facer malla.

    12. agulla de facer media

      Barriña de aceiro ou de materia dura, cun extremo acabado en punta e o outro provisto dunha cabeza en forma de bóla, de 20 a 40 cm de largo; son usadas en parellas e serven para facer media.

    13. agulla de facer sacos

      Agulla grosa, de 10 a 20 cm de largo, empregada para coser sacos ou tecidos resistentes.

    14. agulla de máquina de coser

      Agulla que se aplica a unha máquina de coser por un extremo, chamado talón, e que ten o orificio próximo ao outro extremo acabado en punta.

    15. agulla de tapizar

      Agulla grosa, co extremo oposto ao orificio puntiagudo ou non, empregada para facer tapices.

    16. agulla de zurcir

      Agulla máis grosa que a de coser, empregada para zurcir.

  3. [PESCA/OFIC]
    1. agulla de atar

      Instrumento de madeira, óso ou material sintético empregado para arranxar e atar as redes e os aparellos de pesca. Por norma xeral son as mulleres as que se dedican ao oficio de redar, constituíndose en práctica fundamental nas épocas en que a pesca se facía con redes de materiais menos resistentes ca os actuais.

    2. agulla de cadeneta

      Agulla que se utiliza para tecer ou atar a parte máis tupida da rede.

    3. agulla de armar

      Barriña de metal cilíndrica e puntiaguda que se empregan nos traballos de rede e malla para coser.

      Sinónimos: lanzadeira.
  4. [INDUM]
    1. s f

      Barriña recta ou curvada, xeralmente metálica, adornada ou non, que ten principal ou secundariamente a misión de suxeitar (roupa, cabelos, etc).

      Ex: Tes que colocar ben a agulla para que suxeite ben o pelo.

    2. agulla de gancho

      Agulla metálica en forma de barra dobrada pola metade en forma de U, que serve para aguantar o peiteado.

    3. agulla de gravata

      Agulla empregada para suxeitar a gravata e, por extensión, calquera suxeitador de gravata.

    4. agulla de peito

      Agulla en forma de barriña acabada en punta, unida por un extremo a unha peza decorativa, como unha xoia, e que se pode fixar polo outro a un peche, tamén unido á peza.

  5. [ANIMAL/ICT]
    1. s f

      Peixe de corpo alongado, de ata 70 cm de lonxitude e moderadamente comprimido, de cor prateada e verdosa no lombo, coas mandíbulas prolongadas nun bico agudo e dentado, as aletas dorsal e anal moi posteriores e a caudal en forma de furca pronunciada. É unha especie epipeláxica, que vive en bancos numerosos ao longo da costa galega e que se alimenta de pequenos peixes peláxicos. Este peixe emprégase moito na industria conserveira.

    2. s f

      Nome que reciben algunhas especies de peixes da familia dos singnátidos, de aspecto semellante ao cabaliño de mar pero co corpo estirado, que en Galicia corresponden aos xéneros Entelurus, Nerophis e Syngnathus.

    3. agulla branca

      marlín.

  6. [ALIM]
    1. s f

      Picor ou sabor acedo que teñen algúns viños, especialmente os novos.

      Sinónimos: acedume, acidez, agrume, agrura, pique.
    2. agulla de embutir

      Agulla grosa provista dun mango, acabada nun corpo semicilíndrico, no que se coloca unha peza de touciño, graxa, etc, para embutir a carne.

  7. s f [ANIMAL/ORNIT]

    mazarico.

  8. s f [ARQUIT/DEC]

    Nunha construción, acabamento rematado en punta, cuberta cónica ou piramidal de gran pendente.

    Ex: O novo edificio da caixa de aforros ten unha cúpula rematada en agulla.

  9. [BÉL]
    1. s f

      Barra grosa de ferro, cunha argola nun dos extremos, que era empregada en artillería para diferentes usos, segundo os que recibía tamén o nome de gubia, barrina ou punta de diamante.

    2. agulla de fusil

      Arame delgado que os soldados levaban na correa da cartucheira para limpar e desatascar o canón dos fusís de pistón.

    3. agulla percusora

      Pequena barriña de aceiro destinada a bater o fulminante do cartucho nos antigos fusís de agulla. Posteriormente foi substituída polo percusor.

  10. s f [BOT]

    Folla longa e delgada, como a dos piñeiros.

    Ex: Collemos un bo feixe de agullas nun saco para facer lume.

    Sinónimos: acícula, esca, faísca, frouma, lesta.
  11. [COMUN/TRANSP]
    1. s f

      Cada un dos trozos de raíl afiados por un extremo e articulados polo outro, que guían as rodas do ferrocarril nos cambios de vía e, ao desprazarse lateralmente, fan que un tren colla unha vía ou outra.

      Ex: Cambiaron a agulla a tempo para que non chocaran os trens.

      Confrontacións: desvío.
    2. s f

      Nome dado a todo o conxunto que constitúe a desviación.

      Ex: O sistema de agullas funciona electronicamente.

      Confrontacións: desvío.
    3. agulla aérea

      Dispositivo que, nas liñas electrificadas, corresponde aos cambios de vía e permite aos pantógrafos pasar axeitadamente dunha catenaria a outra.

    4. agulla de descarrilamento

      Agulla instalada xeralmente en vías secundarias que fai descarrilar o tren ou vagón para evitar que, ao efectuar unha falsa manobra, entren nunha vía indebida. Nas liñas modernas de moito tránsito as agullas de descarrilamento son accionadas dende un centro de mandos, mediante dispositivos eléctricos.

  12. [FÍS]
    1. s f

      Barra de aceiro imantado, libre para poder xirar enriba dun punto, e que, a causa das propiedades do imán, se orienta na dirección do meridiano magnético do lugar onde se atopa.

      Ex: A agulla sinala sempre o norte magnético.

    2. s f

      Nas turbinas Pelton, cada unha das barras de aceiro provistas dunha punta cambiable que regulan o diámetro do chorro de cada inxector e, polo tanto, a potencia da turbina.

    3. agulla de declinación

      Agulla magnética empregada para medir a declinación magnética.

    4. agulla de inclinación

      Agulla magnetizada empregada para medir a inclinación magnética.

    5. agulla de inxector

      Órgano de regulación fina da cantidade de combustible que pasa do inxector ao cilindro dun motor de encendido por compresión.

    6. agulla estática

      Agulla imantada que grazas á súa construción, non se ve afectada pola acción do magnetismo terrestre.

  13. s f [GRÁF]

    Punzón de ferro ou de aceiro para debuxar o que se vai gravar á augaforte.

  14. [MAR]
    1. agulla acimutal

      Pequena agulla náutica usada antigamente nos barcos para tomar demoras.

    2. agulla de bitácora

      Agulla náutica, instalada dentro dun armario, con imáns e esferas compensadoras da desviación magnética.

    3. agulla invertida

      Nome dado antigamente á agulla náutica situada debaixo da cabina do capitán, e que tiña como finalidade que este puidese coñecer o rumbo do barco sen saír da cama.

    4. agulla maxistral

      A máis precisa das agullas náuticas dun barco, normalmente situada no punto máis alto para que as perturbacións causadas polo magnetismo do barco sexan mínimas.

    5. agulla náutica

      Instrumento de orientación baseado nas propiedades dos imáns, empregado nos barcos para determinar a dirección do meridiano magnético e ter unha liña de referencia a partir da cal se pode marcar o rumbo co compás. Consiste en diversos imáns, chamados imáns directores, situados paralelamente e unidos a unha rosa dos ventos que xira conxuntamente con eles. O norte que indica a agulla náutica é o norte magnético. Para saber o norte xeográfico, hai que ver o valor da declinación magnética do lugar onde se atopa e aplicarlle a compensación.

    6. agulla náutica de líquido

      Agulla náutica na que o medio no que se move a rosa dos ventos é unha mestura de auga destilada e de alcol ou doutro líquido.

    7. agulla náutica seca

      Agulla náutica na que o medio en que se move a rosa dos ventos é o aire.

    8. agulla xiromagnética

      Tipo de agulla náutica na que a forza directora é unha combinación dunha agulla náutica normal, é dicir, baseada nas propiedades dos imáns, e dunha agulla xiroscópica.

    9. agulla xiroscópica

      Instrumento de orientación baseado nas propiedades do xiroscopio. Consiste nun xiroscopio de dous graos de liberdade, que fai mover unha rosa dos ventos semellante á das agullas náuticas. Comparada con estas, ten a vantaxe de indicar o norte xeográfico. O seu funcionamento, sen embargo, é máis complicado e sometido a máis avarías.

    10. cuartear a agulla

      Nomear os diferentes rumbos dunha rosa dos ventos.

  15. [MED]
    1. s f

      Instrumento punzante empregado para inxectar, punzar, suturar, etc.

      Ex: Para a doazón de sangue empregan unha agulla maior.

    2. agulla atraumática

      Agulla de sutura cilíndrica, fina, que leva o fío incorporado a un extremo, o que a fai menos traumatizante.

    3. agulla de aneurisma

      Agulla con mango empregada na ligadura dos vasos.

    4. agulla de Auvray

      Agulla semellante á de Reverdin, pero de curva moi pronunciada, empregada nas suturas do fígado.

    5. agulla de Babcock

      Agulla de aceiro ou platino para a práctica da punción lumbar.

    6. agulla de Deschamp

      Agulla cun ollo preto da punta, empregada nas ligaduras das arterias profundas.

    7. agulla de Doyen

      Agulla cun mango curvo, coa punta plana e tallada e cun ollo amplo situado preto da punta.

    8. agulla de Emmet

      Agulla grosa, curva, con mango e cun ollo na punta.

    9. agulla de radio

      Agulla de platino cunha cela chea de radio.

    10. agulla de Reverdin

      Agulla curva ou recta, montada nun mango cunha falla preto da punta que pode converterse en orificio mediante unha tira metálica móbil.

    11. agulla de Silvermann/Menghini/Still

      Agullas especiais para biopsias pleurais, hepáticas, renais, etc.

    12. agulla de Strauss

      Agulla para a extracción aséptica do sangue dunha vea.

    13. agulla de sutura

      Agulla recta ou curva, empregada para suturar, provista dun orificio para enfiar o fío de sutura. Pode ser de sección triangular (sutura de pel e músculo) ou cilíndrica (sutura de formacións anatómicas máis delicadas).

    14. agulla de xiringa

      Agulla consistente nun tubo de aceiro delgado coa punta tallada en bisel, empregada para inxectar medicamentos ao organismo por vía parenteral. O calibre e a lonxitude do bisel depende da modalidade de inxección (intradérmica, subcutánea, endovenosa, intramuscular).

    15. agulla para puncións

      Agulla semellante á da inxección, con bisel ou sen el, normalmente longa e de calibre groso, destinada á exploración médica e á evacuación de líquidos patolóxicos acumulados dentro do organismo.

  16. [METROL]
    1. s f

      Pequena tira metálica, xeralmente recta e acabada en punta, empregada en certos aparellos de medida para sinalar o correspondente valor sobre unha gradación xa establecida ou ben a posición de equilibrio.

    2. s f

      Órgano capaz de sinalar o correspondente valor nun aparello de medida.

    3. s f

      Barra metálica ou doutra materia, máis ou menos longa e estreita, que nun reloxo ou noutros instrumentos de precisión marca as horas, segundos, graos, etc.

      Ex: As agullas marcan as cinco e media da tarde.

    4. s f

      Nun reloxo de sol, barra de ferro que coa súa sombra sinala a hora.

    5. agulla da balanza

      Agulla solidaria do brazo da balanza que indica o equilibrio da mesma.

  17. s f
    1. [TECNOL]

      Rolo cilíndrico de diámetro non superior aos 5 mm e de largo igual, polo menos, a dúas veces e media o diámetro, de aceiro de gran dureza, utilizado como elemento rodante nas chumaceiras de agullas.

    2. [TECNOL]

      Pezas ou instrumentos metálicos, ou doutro material resistente, longos e acabados en punta.

  18. s f pl [TECNOL/INFORM]

    impresora de agullas.

  19. s f [XEOL]

    Nunha montaña, rocha acabada en punta.

    Ex: O helicóptero chocou precisamente coa agulla desa montaña.

  20. agulla do carburador [TECNOL]

    Nun carburador, barriña metálica que, co movemento transmitido polo flotador, regula o paso da mestura.

  21. agulla de goma [OFIC]

    Ferramenta do zapateiro formada por unha barriña cilíndrica que posúe nun dos seus extremos un mango para agarrala e noutro un pequeno burato para pasar o fío.

  22. agulla de extrusión/de lava [XEOG]

    Forma volcánica efémera, constituída por unha excrescencia viscosa e incandescente de lava, que xeralmente se afunde durante a súa formación.

  23. agulla de fonógrafo [TECNOL]

    Parte móbil dunha cápsula fonocaptora. Utilizáronse primeiramente agullas metálicas (de aceiro nos discos antigos, e despois de metal duro) e tamén as de zafiro, pero actualmente as agullas son de diamante, dunha dureza moi superior.

  24. agulla de Franke [MED]

    Aparello consistente nunha agulla contida nun cilindro do que sae parcialmente por acción dun resorte. É utilizada polos hematólogos para inferir unha pequena ferida ás persoas ou animais dos que se pretende analizar o sangue.

  25. agulla de pastor [PLANTA]

    Herba anual, de talo estriado, de ata 50 cm de altura, de follas bi ou tripinnadas e froito cilíndrico, comprimido lateralmente e co bico maior ca o resto. En Galicia aparece en terras cultivadas.

    Sinónimos: agulleira.
  26. agulla de portal [HIST]

    Funcionario que durante a Idade Media cobraba o paso polas portas nunha cidade ou vila amurallada.

  27. agulla do temón [MAR]

    Nas embarcacións menores, cada unha das pezas pequenas enriba das que xiran as porcas do temón.

  28. agulla con mango

    Barriña metálica, provista de mango, empregada nas diseccións biolóxicas, en cirurxía, etc.

Frases feitas

  • Buscar unha agulla nun palleiro. Imposibilidade de atopar algo.

  • Coñecer ben a agulla de marear. Coñecer ben o comportamento dunha persoa.

  • Non é boa veciña a que dá agulla sen liña. Quen sempre quere sacar proveito de todo.

  • Non saber enfiar unha agulla. Non saber realizar as tarefas domésticas.

  • Pasar polo cu dunha agulla. Facer algo imposible.

  • Vivir da agulla. Gañarse a vida a partir dun oficio relacionado con este instrumento.