Aiax de Telamón
ou Aiantos Alcumado o Grande, fronte a Aiax Oileo, o Pequeno. Personaxe da Ilíada que personifica a forza física. Fillo de Telamón, é un dos caudillos do exército aqueo, considerado polo seu valor na loita o máis importante despois de Aquiles (ou Aquileos). En obras menores do ciclo troiano (Etiópida e Pequena Ilíada) nárrase a súa discusión con Odiseo (ou Odiseos, Ulises segundo os romanos), tralos funerais de Aquiles pola posesión das armas deste, forxadas por Efestos (ou Efaístos, o Vulcano romano), deus irmán de Zeus, e que foran reclamadas por Telamón por ser el quen recuperara o cadáver de Aquiles. Impediu o seu despoxo polos troianos e evitou así un grande agravio para os restos do heroe. O feito de non ter acadado os trebellos de Aquiles condúceo a un proceso mental paranoico que o entolece. Cando recuperou parcialmente a cordura, desesperado por descubrir quen pretendera atentar contra os seus compañeiros do sitio de Troia, suicídase tirándose sobre a súa espada, colocada na area dunha praia (a representación deste episodio constitúe un recorrente tema artístico). Nas súas Odas Triunfais ou Epinicios, Píndaro responsabiliza a Odiseo desta morte. Sófocles, na traxedia Aiax, analiza o proceso irracional que o levou á morte. O mesmo tema foi tratado por Ovidio nas Metamorfoses, pasando á literatura occidental onde o desenvolveron, entre outros, Hernando de Acuña, Ugo Fóscolo e Roís de Corella no seu Razoamento de Telamón e Ulises, que aborda o tema seguindo de preto a Ovidio.