ainu

ainu
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos ainus ou á súa lingua.

  2. grupo humano ainu [ANTROP/FISIO]

    Grupo humano leucodermo, do subgrupo dolicocéfalo, que se localiza na parte meridional da illa de Sakhalin e setentrional da illa de Hokkaido; sen embargo, no pasado estaban repartidos por todas as illas do Xapón e mesmo na península de Kamchatka. A orixe desta raza aínda non é segura; trátase dun grupo leucodermo illado en medio de grupos xantodermos do que se descoñecen as súas relacións cos grupos leucodermos occidentais (alpinos, anatólidos, bálticos, dináricos, mediterránidos, nórdicos e turánidos). Os datos arqueolóxicos permiten remontar a historia dos ainu a uns 12.000 anos como mínimo, aínda que non permiten resolver a cuestión das orixes. O período Khomon é unha fase da prehistoria xaponesa datada no 11.000 BP e corresponde a un neolítico cerámico cunha agricultura moi pouco desenvolvida. Tralo período Khomon sucedeu o Iaioi, marcado pola introdución a partir de China de numerosos elementos culturais como a escritura, a metalurxia e o cultivo do arroz. Os restos humanos do período Khomon presentan afinidades notables cos ainu actuais; sen embargo, os restos humanos do período Iaioi preséntanas cos xaponeses actuais. Segundo a clasificación racial de Heim (1972), baseada na pigmentación da pel, a estatura e o índice cefálico, a raza ainu, presenta unha pigmentación branco-morena rica en glándulas sudoríparas, estatura baixa, moderada dolicocefalia, face marcada cuns pómulos lixeiramente prominentes e sen prognatismo, fronte ancha, arcadas supraorbitarias desenvolvidas, nariz ancho e braquimorfia con membros relativamente curtos. Cómpre salientar, sen embargo, que esta clasificación non se sostén coa introdución de marcadores xenéticos.

  3. s m [ETN]

    Etnia de Asia oriental, integrada por unhas 17.000 persoas, que habitan en diversas illas setentrionais do Xapón (Sakhalin, Hokkaido). Tradicionalmente practicaban unha economía de subsistencia baseada na pesca e, en menor medida, na caza. Na actualidade sofren un proceso de aculturación pola presión xaponesa, froito do que están a introducir o cultivo do arroz. Son de relixión animista.

  4. s m [LING]

    Conxunto das falas dos ainus. Ata o momento non foi posible integrar a lingua dentro dunha familia máis ampla. As investigacións toponímicas evidenciaron que era a lingua autóctona do arquipélago xaponés ata a chegada dos grupos continentais.

Palabras veciñas

aínda | ainhum | Ainsworth, William Harrison | ainu | ainudo -da | aio -a | Aios