Airas Engeitado

Airas Engeitado

Xograr posiblemente portugués. A pesar da escasa información biográfica, parece que a súa actividade literaria se desenvolveu na segunda metade do século XIII ou mesmo a comezos do século seguinte. Só se conservan tres cantigas de amor, transmitidas polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Unha cuarta composición, tamén de amor, “A gram dereyto lazerey”, xera problemas de autoría, pois mentres nun dos cancioneiros aparece atribuída a este xograr, no outro figura baixo a autoría de Afons’Eanes do Coton. Esta última atribución, avalada pola Tavola Colocciana, é a que conta con maior aprobación por parte da crítica especializada. A súa produción enmárcase na temática do servizo amoroso e a coita ou sufrimento do amante ao non ser correspondido. Salienta a cantiga “Nunca tam gram coyta sofri”, unha canción de despedida na que lamenta terse separado da súa dona. Así mesmo, resulta orixinal a composición “A rem que mh-a mi mays valer”, onde aparecen aludidos dous personaxes pouco frecuentes na lírica galego-portuguesa: o marido e a criada da dama, que actúa como cómplice na relación e da que se desvela a súa identidade, algo impropio das cantigas de amor. Desde o punto de vista formal, todas as cantigas son de mestría e combinan maioritariamente versos octosílabos en diferentes esquemas rimáticos, entre os que destaca o da última composición pola presenza dun verso solto en cada estrofa, o que se coñece como palavra perduda.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : XIV