Airas Nunez

Airas Nunez

Trobador probablemente galego, activo a fins do s XIII, no decenio 1280-1290 posiblemente. Poucos son os seus datos biográficos. O seu nome aparece acompañado nos cancioneiros italianos e na Tavola Colocciana do substantivo clérigo, o que fai pensar nunha persoa de certa cultura, xa que ese termo designaba na Idade Media os homes de letras. Por outro lado, podería identificarse co personaxe ao que Sancho IV -segundo confirma o Registro de Chancelería deste monarca-, concedeu unha certa cantidade de diñeiro no ano 1284, aspecto referido na composición “O meu señor, o bispo, na Redondela ~uu dia”. As súas cantigas de escarnio corroboran a relación do trobador co fillo de Afonso X, pois nelas trata asuntos que aluden a episodios e personaxes do reinado de Sancho IV, de quen Airas Nunez se converte en portavoz, ata o punto de que na cantiga “Desfiar enviaron ora de Tudela” arremete contra as pretensións dinásticas dos infantes De la Cerda. Así mesmo, a fragmentaria cantiga de amigo “A Santiagu’ en romaria ven” foi composta posiblemente co gallo da peregrinaxe do monarca a Santiago de Compostela en 1286. Fráxil é, pola contra, a súa relación e colaboración con Afonso X nas Cantigas de Santa María, posto que non se sustenta en hipóteses firmes abondo. O seu cancioneiro ofrece mostras dos xéneros máis importantes do lirismo galego-portugués: nos apógrafos italianos aparecen sete cantigas de amor (reducibles a seis, en tanto que “Pos min amor non quer leixar” non é máis ca unha versión de “Amor faz a min amar tal senhor”), tres de amigo, outras tantas de escarnio, unha cantiga moral e unha pastorela. A principal característica da súa poesía é a habilidade coa que renova os xéneros ao incidir en aspectos pouco comúns entre os seus coetáneos ou ao introducir elementos procedentes doutras tradicións. Neste sentido o máis salientable da súa produción é a frecuencia coa que adopta versos alleos. Así, por exemplo, “Amor faz a min amar tal senhor” retoma case ao pé da letra o íncipit da cantiga de Don Denís, “Amor fez a min amar”; a cantiga de amigo “Bailemos nós ja todas tres, ai amigas” reproduce literalmente a primeira estrofa, salvo o verso inicial, da composición “Baylemos agora, por Deus, ay velidas” de Johan Zorro; a súa pastorela “Oí og’ eu ~ua pastor cantar” introduce como refráns de cada unha das cobras, versos tirados de composicións dos trobadores Nuno Fernandez Torneol e Johan Zorro, ou versos creados por el mesmo inspirándose en motivos literarios da tradición ultrapirenaica. Esta influencia da literatura provenzal espállase por boa parte do cancioneiro deste autor. Na canción “Amor faz a min amar tal senhor” desenvolve o motivo literario do joi, pouco frecuente entre os galego-portugueses e máis común na Provenza, partindo da xa referida canción de Don Denís. Na cantiga, “Vi eu, señor, vosso bon parecer” introduce como refráns das tres estrofas versos escritos en occitano e, mesmo, algún dos motivos sobre os que se constrúe a súa pastorela son tamén de orixe ultrapirenaica. Así o confirman versos como “e chorava e estava cantando” da cobra II ou “e fazia guirlanda de flores” da III, amais dos refráns das estrofas I e II. No que atinxe á forma cómpre destacar que o predominante son as cantigas de tres estrofas e os versos decasílabos. Mostrou unha gran preferencia polas cobras singulares xa que, deixando de lado as dúas cantigas fragmentarias que non permiten facer consideracións ao respecto (“A Santiagu’ en romaria ven e Nostro señor, e porque foi veer”), só empregou as cobras unisonantes en “Par Deus, coraçon, mal me matades”. Cultivou por un igual tanto as cantigas de refrán -servíndose mesmo da variante do refrán intercalar en dúas ocasións- como as de mestría e, no plano retórico, destaca a utilización de certos procedementos repetitivos como o paralelismo e o dobre.