Airas Perez Vuitoron

Airas Perez Vuitoron

Trobador galego de mediados do século XIII. Membro da pequena nobreza, participou na conquista de Sevilla (1248) e estivo vencellado á Corte de Fernando III o Santo e ao seu ambiente literario, contactando con outros trobadores galego-portugueses como Bernal de Bonaval, Estevan Faian, Johan Garcia de Guilhade, Johan Soarez Coelho, Pero da Ponte, Pero Garcia Burgalês e Vasco Perez Pardal. Da súa produción poética chegaron ata nós trece composicións, todas elas transmitidas polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional e polo Cancioneiro da Vaticana. Considerando a información que proporcionan as rúbricas atributivas dos cancioneiros e mais a Tavola Colocciana, cabería a posibilidade de que unha desas cantigas, “Don Estêvão, eu eiri comi”, fose da autoría de Men Rodriguez Tenoiro. A decimocuarta composición, “Don Estêvão achei noutro dia”, debe adxudicarse máis ben a este último trobador. Todas as cantigas de Vuitoron pertencen ao xénero escarnino: oito son escarnios persoais, tres políticos e dous literarios. A súa composición máis coñecida e estudada é “A lealdade da Bezerra pela Beira muito anda”, a única leva unha rúbrica explicativa: “Esta outra cantiga é de mal dizer dos que deron os castelos como non devian al rei Don Afonso”. Respondendo exactamente á definición de “cantiga de maldizer” dada pola Arte de trobar, nesta composición cítanse polos seus nomes e apelidos (ou por sintagmas alusivos) certos personaxes implicados na chamada entrega dos castelos. Formalmente, afástase moito do resto da súa produción: a un dístico inicial introdutorio seguen dez estrofas con esquema aabb, sendo todos os versos de quince sílabas. Todo isto obedece a un desexo de aproveitar certas técnicas compositivas e posibilidades formais propias da cantiga de amigo para confeccionar un escarnio político, exactamente o mesmo que fai o seu coetáneo Afonso X na cantiga “O que da guerra levou cavaleiros”, composición estruturada en base a unha anáfora que recorda inevitablemente a que presentan as estrofas III, IV e VII do escarnio de Vuitoron. Pola contra, as restantes cantigas do trobador responden a dúas tendencias formais claras, sempre dentro dun gusto polo verso decasílabo ou eneasílabo: a) unha minoritaria, representada por dúas cantigas biestróficas de refrán, “Don Martin Galo est’acustumado” e “Já un s’achou con corpes, que fezeron”, con esquemas moi similares: respectivamente, aaabBB e aabBB; b) outra máis ampla, representada por dez composicións de mestría bastante convencionais, tanto polo que respecta ao número de estrofas (oito teñen tres, unha catro e outra dúas) como polo relativo ao esquema estrófico empregado e ao número de versos de cada cobra (sete ou seis): oito cantigas presentan o reiterado esquema abbacca, e as outras dúas, estruturas tan coñecidas como ababcca e abbcca. O aspecto máis orixinal da composición reside no feito de tratarse da única cantiga galego-portuguesa que encontra o seu principio estruturante no recurso retórico -amplamente empregado na Idade Media- da accomodatio, que consiste en adaptar textos bíblicos ou litúrxicos para integralos nunha obra literaria. Esta especificidade fai deste escarnio algo comparable, na literatura castelá medieval, á chamada “parodia das horas canónicas” do Libro de Buen Amor. Todos os restantes casos de citas latinas ou latinismos nas cantigas medievais son ocasionais e de ningún xeito chegan a se converter en principio estruturador da composición. Neste escarnio, en cambio, cada unha das dez estrofas nucléase ao redor dunha cita latina, acomodada -con propósito satírico- a partir dunha fonte bíblica ou litúrxica. Por exemplo, “Non potest filia mea sine patre suo facere quidquam” está inspirado en “Non potest Filius a se facere quidquam nisi quod viderit Patrem facientem” (Xoán 5, 19).