Airas Soarez

Airas Soarez

Trobador do que non se conservaron as súas cantigas. Sábese da súa existencia grazas á Tavola Colocciana, índice de autores probablemente elaborado sobre o Cancioneiro da Biblioteca Nacional, que nos achega a valiosa información de que Airas Soarez figura no cancioneiro con tres cantigas. Non obstante , este mesmo cancioneiro, no seu inicio, rexistra a presenza dunha lagoa visible non só na propia constitución do fascículo que a contén -hoxe en día un bifolio e antes da mutilación un quinión-, senón tamén no salto numérico que se dá entre as cantigas anterior e posterior á lagoa. Segundo o testemuño da Tavola Colocciana a lagoa afecta a oito autores e a vinte e sete cantigas que, por seren da primeira sección do cancioneiro, serían cantigas de amor. Todos os datos apuntan a que desenvolveu a súa actividade poético-musical entre finais do s XII e a primeira metade do s XIV. Certas hipóteses privilexian a súa identificación co Airas Soarez laicus que testemuña en 1204 unha venda en Búbal ao priorato do Sar, xuntamente con Pai Soarez de Ribela (quizais, pai do trobador Roi Paez de Ribela) e con (posiblemente, Fernan Paez de Talamancos). De ser certa esta última identidade, sería contemporáneo do trobador de Talamancos e da mesma rexión ca el.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : XIV