Alacant

Alacant
Nome científico: [nome cooficial cast: Alicante]

Cidade da Comunitat Valenciana, capital da provincia homónima [274.577 h (1996)]. Situada á beira do Mediterráneo, o seu litoral está ateigado de praias. A súa economía ten un acentuado carácter terciario, como centro administrativo e comercial da provincia e importante núcleo turístico. Malia os vestixios da Idade do Bronce e ibéricos, o núcleo actual é de orixe romana (Lucentum). Ocupada polos musulmáns, formou parte do estado autónomo cristián de Teodomiro. No período final da dominación musulmá foi integrada no Reino de Murcia. Os casteláns tomárona en 1248, ao declararse vasalo o Rei de Murcia. Durante as guerras civís do Reinado de Sancho IV, o infante Fernán de la Cerda fixo doazón de Alacant (1289) a Afonso II de Aragón a cambio de apoio militar, e así en 1304 foi incorporada ao Reino de València. Vila de realengo, na Idade Moderna, mercede ao comercio xerado polo seu porto, Alacant experimentou un proceso de auxe e expansión urbana, mantido incluso durante a crise peninsular do s XVII. En 1765, Carlos III autorizou o comercio con América dende o seu porto, e a cidade converteuse nun foco de atracción para inmigrantes de toda Europa que se establecen na cidade conformando unha burguesía cosmopolita (xenoveses, venecianos, florentinos, franceses, holandeses, prusianos, hamburgueses, ingleses, suecos, daneses, etc). No XIX mantivo a súa prosperidade e foi o primeiro porto enlazado por ferrocarril con Madrid (1858). Alacant foi o derradeiro reduto (1939) das tropas republicanas na Guerra Civil Española.