Åland

Åland

Arquipélago e lääni de Finlandia, na entrada do golfo de Botnia (1.552 km2; 25.300 h [estim 1996]). Comprende máis de 6.000 illas e illotes, das que só unhas 60 están habitadas, constituída por unha variante local de granito e porfirio (Åland-Rapakin). O clima é máis moderado que no continente (máis de 100 días con temperatura superior aos 10°C). A illa principal é a de Åland, e segue en importancia Lemland, Eckerö, Lumparland e Vårdö, cunha poboación de fala maioritaria sueca (20.000 h) e con tendencia á concentración. A capital e principal porto, é Mariehamn (10.039 h [estim 1996]). A actividade máis importante é a pesca, seguida pola industria turística. Estivo baixo soberanía sueca ata o ano 1809, no que, xunto con Finlandia, foron cedidas a Rusia (Paz de Fredriksham). Durante a Guerra da Independencia Finlandesa (1917-1918), as illas foron ocupadas polos suecos, pero a Sociedade das Nacións outorgoullas posteriormente ao estado finés. O arquipélago goza de autonomía desde 1920 e está administrado por un parlamento propio, o landsting.