Alas y Ureña, Leopoldo
Novelista, xornalista e ensaísta de familia asturiana. Doutor en Dereito. En Madrid colaborou coa prensa republicana (1871). En abril do 1875 comeza a empregar o pseudónimo Clarín no diario El Solfeo. En 1878 gañou por oposición unha cátedra na Universidade de Salamanca, pero o goberno non lla concedeu. Catro anos máis tarde (1882) foi nomeado catedrático en Zaragoza e en 1883 acadou o traslado a Oviedo. Alternou a cátedra co xornalismo, e os seu artigos e contos apareceron de xeito continuado en diarios e revistas, sendo recollidos en diferentes volumes (Solos de Clarín, 1881, etc). Entre 1886 e 1891 publicou unha serie de oito Folletos literarios e un breve estudo biográfico e crítico de Pérez Galdós. É autor dunha das novelas máis lidas no s XIX, La Regenta (1884-1885), nada do seu encontro coa vida de Oviedo (Vetusta), enmarcada dentro da corrente do realismo decimonónico. Tamén escribiu Su único hijo (1890), e numerosos contos e novelas curtas dunha gran riqueza temática que abranguen desde a crítica social ata a recreación literaria. A súa obra, xurdida da renovación iniciada polo krausismo, anuncia aspectos do pensamento do s XX.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Zamora -
Deceso
Lugar : Oviedo