Albania

Albania
Nome científico: [nome oficial: República dos Albaneses; albanés: Republika e Shqipërisë]

Estado da Península Balcánica, na costa adriática oriental, limitado ao N por Iugoslavia, ao L por Macedonia e ao S por Grecia (28.748 km2; 3.293.000 h [estim 1997]). A capital é Tirana.
Xeografía física
Pechada por sistemas montañosos que ocupan as dúas terceiras partes do seu territorio, e por unha chaira litoral palustre, poden diferenciarse cinco rexións físicas. No N, os Alpes Albaneses, de estrutura calcaria, grandes macizos de cristas agudas e vales profundos cubertos de morrenas que lle confiren un aspecto alpino, elevándose sobre as chairas de Kosova e Metohija, en territorio da Federación Iugoslava. No L, na Albania interior montañosa, a superficie calcaria é menos continua, con cumes máis baixos e redondeados. Os ríos (Drin, Mat, Shkumbin) formaron vales separados por cristas que non superan os 2.500 m (Guri i Zi, 2.073 m, Valamare, 2.373 m). Esta área está drenada polo Drin, o Mat e o Shkumbin e a poboación concéntrase nas súas beiras. No S e no SL do país, na rexión das concas e dos lagos, os pregamentos dináricos incrustados de núcleos cristalinos son menos elevados e deixan lugar a concas por onde flúen os ríos principais, que son empregados para a agricultura. Aquí hai algunhas cidades importantes (Korçë, centro industrial, Berat). A chaira litoral albanesa esténdese desde o límite con Crna Gora ata Vlorë. É unha costa de aluvións pouco accidentada, pero interrompida por carenas e outeiros, de vexetación tipicamente mediterránea. Os ríos torrenciais procedentes das montañas do L depositan abundantes aluvións. Ao lado do mar hai unha rexión inhóspita pantanosa. Non hai portos naturais, e o porto máis grande, Durrës, é unha baía pouco profunda. Entre a montaña e a chaira hai unha franxa de contacto formada por planos escalonados máis secos, con fértiles conos de dexección e outeiros tallados en depósitos terciarios. Esta franxa prelitoral é a rexión máis poboada do país. Á saída dos vales estreitos desenvolvéronse os mercados (Shkodër, Tirana, Elbasan). No Epiro albanés, no sur de Vlorë e por riba da comarca fértil e poboada de Mallakastër, as montañas diríxense cara ao mar. Aparecen as calcarias ata os 2.000 m. A vexetación natural é en boa parte mediterránea. O clima de Albania é mediterráneo (as temperaturas medias oscilan en Vlorë entre os 25°C de xullo e os 9°C de xaneiro e en Durrës entre os 25,4°C e os 10,4°C, respectivamente) pero a medida que se avanza cara ao interior, continentalízase.
Xeografía económica
Albania foi un país de economía socialista, tradicionalmente agrícola e gandeiro escasamente industrializado. Dende o ano 1990 iniciouse un proceso de abertura económica, acelerado trala caída do réxime comunista, que permitiu a entrada de capital estranxeiro, orientado fundamentalmente cara ao turismo e á construción, e á privatización das empresas públicas. O sector primario, aínda que baixa en importancia, aínda agrupa o 50% da actividade. As principais producións son os cereais (trigo e millo), as acelgas, a remolacha azucreira, as patacas, as oliveiras, as uvas, os cítricos e o tabaco. A gandería (bovina, avícola, ovina e caprina), ten unha importancia considerable. Os recursos forestais son tamén numerosos. Albania é un país rico en reservas minerais. É un dos principais produtores mundiais de cromo (oitavo exportador mundial en 1995 con 75.000 tm) así como de lignito, cobre e níquel; así mesmo, posúe importantes reservas de petróleo e gas natural que, a raíz da súa abertura económica, comezaron a explotar as compañías estranxeiras. Os grandes complexos da industria pesada realizados durante o réxime comunista, dotados de infraestruturas obsoletas, cesaron case totalmente as súas actividades. A produción industrial é baixa e está centrada nos derivados da agricultura (aceite de oliva, viño e tabaco) e, secundariamente, no téxtil e nos materiais de construción (cemento). A zona máis industrializada está comprendida entre Tirana e Duzo. O transporte faise, sobre todo, por estrada. Hai ferrocarril, aínda que só unha liña é exterior comunicando ao país con Montenegro, e aeroporto en Tirana. O comercio exterior é precario e oriéntase cara aos países veciños (Bulgaria, República Checa, Alemaña, Italia, Polonia e Romania), dos que Italia e Alemaña son os seus principais socios comerciais. As partidas máis grandes, no que se refire á importación, corresponden a maquinaria e vehículos, combustible e enerxía e produtos alimenticios; polo que se refire á exportación, combustibles, minerais e metais (cromo, cobre, níquel), tabaco e produtos alimenticios. Unha achega importante á renda nacional é a constituída polas remesas dos emigrantes, estimadas arredor dos 300 millóns de dólares anuais. Os servicios e os transportes foron os primeiros en notar os efectos da nova política económica.
Xeografía humana
A densidade da poboación é escasa (114 hab/km2), a poboación urbana é o 37,3% da poboación en 1995. Ademais, existe no país unha forte tendencia á emigración. O 97% dos habitantes son descendentes de tribos ilirias, divididas en dous grupos: os gegs no N (65%), que conservaron o sistema tribal ata a época recente, e os tosks no S, separados pola divisoria do Shkumbî. Tamén hai minoría de gregos (50.000), valacos, macedonios, serbios e xitanos. O idioma oficial é o tosk, un dialecto do albanés, aínda que tamén se fala o geg (o outro dialecto albanés) e o grego. O estado declarouse aconfesional aínda que o 50% da poboación é musulmana. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Albania entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupaba o posto 105 cun índice 0,656) e como o país máis pobre de Europa. Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é 70,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 85,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 59%; e o PIB real por habitante (PPA) é 2.853. A Constitución de marzo de 1946, que sentou as bases da República Popular, foi derrogada coa Constitución de abril de 1991, que funda unha República Parlamentaria e de carácter democrático. O poder lexislativo reside na Asemblea do Pobo, renovada cada catro anos, que elixe ao Presidente da República, designado para exercer o cargo durante cinco anos renovables unha soa vez. O poder executivo reside no Presidente da República e no Consello de Ministros que el preside. Ata 1991 o partido único era o Partido do Traballo de Albania (PLS). Nas primeiras eleccións lexislativas (1992) o partido maioritario foi Partido Democrático de Albania (PDS); nas eleccións anticipadas de 1997 impúxose unha alianza de esquerdas que deu o poder ao Partido Socialista de Albania (PSS). Forma parte da ONU, a OSCE, o Consello de Europa e é membro asociado da Unión Europea.
Historia
Antes de que os romanos conquistaran o territorio da actual Albania, os gregos estableceran colonias ao longo da costa, pertencendo en parte a Iliria e en parte ao Epiro. Os romanos organizaron o interior, pero as provincias do Epiro e Iliria foron a miúdo obxecto de ataques bárbaros (eslavos e avaros). Mentres teoricamente facía parte do Imperio Bizantino como provincia, foi parcialmente ocupada polos búlgaros (861) ata que o Emperador bizantino Basilio II recuperou o territorio (1041). No 1204 Miguel Comneo, Emperador de Bizancio, fundou o goberno déspota de Epiro, que incluía o S de Albania. Os búlgaros ocuparon de novo Albania no s XIII, e a mediados do s XIV fixo parte do imperio serbio. No 1431 invadiron Albania os turcos otomanos, que posuían xa gran parte da península balcánica. O gran caudillo militar e político Gjergj Kastriota, chamado Akandërbeg (1403-1468), organizou e dirixiu no 1444 a Liga dos Pobos Albaneses, que resistiu aos turcos durante vinte e cinco anos coa axuda do Rei Afonso IV de Aragón. Dende a morte de Skandërbeg, no 1468, ata 1912, Albania quedou en poder dos turcos, entrando nun estado de illamento cultural e inercia artística. O nacionalismo albanés rexurdiu na segunda metade do s XIX, loitando contra da decadente hexemonía turca e, aínda con máis enerxía, contra a expansión territorial dos pobos eslavos. Os dirixentes albaneses proclamaron a independencia a principios da Primeira Guerra Balcánica (1912). Durante a Primeira Guerra Mundial, o país foi ocupado por tropas austríacas, iugoslavas e italianas, contribuíndo as grandes potencias aliadas, sobre todo Gran Bretaña, a que a súa independencia fose respectada. Despois dun período de grande inestabilidade política, Ahmed Bey Zogu, cabeza da tribo dos mati, acadou o poder no 1924, gobernando como Rei dende 1928 a 1939. Durante a Segunda Guerra Mundial, os partisanos, dirixidos polo líder comunista Enver Hoxha, fustrigaron as tropas de ocupación italianas e alemanas; en novembro do 1944 constituíron o primeiro goberno de posguerra de carácter revolucionario baixo a dirección do mesmo Hoxha. En decembro do 1945 celebráronse unhas eleccións xerais que deron o control da Asemblea ao Partido Comunista. O forte stalinismo do réxime albanés fixo que as relacións cos outros países comunistas (URSS, China) se deteriorasen a medida que estes principiaron procesos de apertura política, ata chegar a unha situación de forte illamento internacional. A política interna de Albania caracterizouse por un crecemento inestable e profundamente autárquico, baseado na industria pesada de propiedade estatal e no sector agropecuario. Despois da morte de Hoxha, ocorrida no ano 1985, M. Ramiz Alia, Xefe do Estado dende 1982, ocupou o cargo de Secretario Xeral do Partido do Traballo, converténdose no home forte do réxime. Ese feito marcou o inicio dunha nova orientación en política exterior marcada polo inicio da apertura cara ao exterior e polo establecemento de relacións con países do bloque político occidental (Francia, Italia, RFA, España e Grecia). Aínda que retardado con respecto ao proceso que precedeu o derrubamento dos réximes comunistas na Europa oriental, as primeiras medidas de flexibilización, emprendidas por Ramiz Alia en 1988, deixaron paso ao malestar acumulado durante os catro decenios precedentes. A finais do ano 1990 e comezos de 1991 sucedéronse a un ritmo acelerado a fundación de diversos partidos e sindicatos -prohibidos ata aquel momento-, as folgas e violentos e fortes enfrontamentos. As eleccións de marzo de 1992 supuxeron o acceso á Presidencia da República de Sali Berisha, do Partido. Como consecuencia do cambio de goberno, Ramiz Alia foi condenado a arresto domiciliario por malversación de fondos estatais en setembro de 1992 e a viúva de Hoxha a nove anos de prisión polos mesmos motivos en febreiro de 1993. En novembro de 1994 Berisha perdeu o referendo que convocara para aprobar unha nova constitución presidencialista. O PDS de Sali Berisha gañou as eleccións de maio de 1996 entre acusacións de fraude dos partidos opositores, polo que se repetiron en xuño as votacións nas circunscricións onde se detectaran as máis graves irregularidades. En xaneiro do 1997 principiou unha grave revolta popular pola quebra de sociedades de aforro piramidal, na que moitas familias investiran atraídas polas promesas de xuros de ata o 100%, e en febreiro de 1997 a oposición a Berisha agrupouse no Forum Democrático, liderado polo Partido Socialista de Albania que dirixían Rexhep Mejdani e Fatos Nano; logo de varias crises políticas, en xullo de 1997, celebráronse eleccións anticipadas e foi elixido Presidente da República Rexhep Mejdani. Malia a vitoria clara das forzas socialistas, a situación non se estabilizou ao longo de varios meses debido ao boicot, tanto na Asemblea como nas rúas, promovido polo Partido Democrático. Dende o acceso a Primeiro Ministro de Pandeli Majko (Secretario Xeral do Partido Socialista), en outubro de 1998 conseguiuse unha paz relativa nos enfrontamentos entre o goberno e a oposición. Un foco de tensión rexional é o derivado da diversidade étnica nos Balcáns. Un dos colectivos máis importantes presentes en Albania, o grego, resolveu os seus conflitos coa sinatura dun tratado de amizade e cooperación con Grecia, en abril de 1996, polo que se puña fin ás disputas sobre o estatuto da minoría grega no S de Albania e sobre a situación dos 300.000 inmigrantes ilegais albaneses que traballan en Grecia. Non obstante , a cuestión dos albanokosovares (albaneses de Kosova, Serbia), non logrou a mesma solución xa que provocou a internacionalización da tensión. A degradación continua da situación humana e militar no territorio conduciu a Albania a esixir a deposición de Milosevic como única saída ao problema, o que estendeu o conflito cara ao estado albanés (primeira fase na internacionalización). A intensificación da ‘limpeza étnica’ ou xenocidio en Kosova obrigou a centos de milleiros de albanokosovares a refuxiarse nos campos de refuxiados de Albania, Macedonia, etc (segunda fase da internacionalización). Entre marzo e xuño do ano 1999 foi a base principal dos exércitos aliados no seu enfrontamento con Serbia durante a Guerra de Kosova.