Albéniz, Agrupación Musical
Agrupación musical coruñesa fundada no 1928 por Uxío Rivas Rey. O seu primeiro director foi o mestre Delio Vázquez; constituíu a súa actividade principal a difusión da música de pulso (guitarra) e púa (laúde e bandurria). Dende 1981 o seu presidente é Antonio Gundín Fandiño; Enrique Rodríguez Iglesias xunto con Antonio Gonçalves Soares, son directores da Orquestra Titular e Orquestra Xuvenil “Antonio Gonçalves”, respectivamente; Severiano Estévez Freire é o director do Grupo de Cámara; Jesús Garabato do grupo “Siglo de Oro” e Antonio Pernas Pais do “Cuarteto Galante”, conxuntos integrados por bandurrias primeiras e segundas, laúdes, guitarras e percusión. A maioría dos seus compoñentes actuais formáronse no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. O seu repertorio baséase na música clásica galega, española e estranxeira. Participa en festivais a nivel nacional e internacional acadando numerosos premios. Dende hai nove anos organiza o Festival Internacional de Música de Pulso e Púa e anualmente imparte cursos intensivos de bandurria, guitarra e laúde. É a Promotora da Federación Laudística Española.