Alberti Merello, Rafael

Alberti Merello, Rafael

Poeta e dramaturgo da Xeración do 27. De mozo trasladouse a Madrid (1917) onde, atraído pola pintura, realizou diversas exposicións. Con Marinero en tierra (1925) obtivo o Premio Nacional de Literatura e iniciou unha poesía popular moi elaborada que comprende La amante (1926) e El alba del alhelí (1927). A partir de Cal y canto (1929) e Sobre los ángeles (1929), un dos seus libros máis senlleiros, comeza a súa xeira vangardista.

En 1931 ingresa no Partido Comunista e a súa poesía comprométese cos aconteceres históricos: Consignas (1933), 13 banderas y 48 estrellas (1936), sen deixar de cultivar un tipo de poesía elexíaca como en Verte y no verte, volume dedicado á morte do toureiro Ignacio Sánchez Mejías. En colaboración coa súa muller, María Teresa León, fundou e dirixiu a revista Octubre.

Exiliouse en 1939, ao rematar a Guerra Civil Española, en Arxentina, onde a súa poesía incorpora temas americanos e as súas lembranzas do pasado; desta época destacan, entre outros, Entre el clavel y la espada (1941), Pleamar (1944), A la pintura (1948), Retornos de lo vivo lejano (1952) e Baladas y canciones del Paraná (1954), que reuniu no volume Poesías completas (1961).

Outros títulos posteriores da súa produción son: Roma, peligro para caminantes (1968), Los ocho nombres de Picasso (1970), Poesías, 1924-1967 (1972), Con Nicaragua (1985), Todo el mar (1986), Golfo de sombras (1988), Canciones para Altair (1988). Como dramaturgo escribiu El hombre deshabitado (1930), Fermín Galán (1931), El adefesio (1944) e Noche de guerra en el Museo del Prado (1956).

Fixou despois a súa residencia en Roma e torna a España en 1977. Instalado en Cádiz, foi elixido deputado como integrante da candidatura comunista nas primeiras eleccións democráticas (1977). Tamén é autor de libros en prosa: as memorias La arboleda perdida (1942) e Imagen primera de... (1945), ambos con recordos persoais e literarios.

En 1987 saíu do prelo a segunda parte das súas memorias La arboleda perdida. Recibiu o premio Lenin en 1966 e o premio Cervantes en 1983. En 1989 ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Puerto de Santa María, Cádiz

  • Falecemento