Alborada

Alborada

Publicación literaria mensual en galego, aparecida en maio de 1922 en Pontevedra. Cesa no mes de xullo dese mesmo ano. Foi fundada por Xoán Vidal Martínez e codirixida por M. Bará Álvarez e Amado Carballo, ocupando Marcos Cabanillas o cargo de redactor-xefe. Os colaboradores literarios foron: Ramón Cabanillas con O cabaleiro do Sant Grial publicado no primeiro volume, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Amado Carballo, quen publicou Maliaxe no volume III, Leandro Carré, Noriega Varela, Francisca Herrera, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres e Antón Losada Diéguez cun conto e unha lenda aparecidas no volume II. Na parte gráfica participaron Castelao, con gravados e debuxos, Álvaro Cebreiro e Manuel Méndez, cunha modificación do escudo de Galicia. Coincidindo co 25 de xullo, elaboraron un volume especial cun editorial asinado por Nós e textos con alusións ao Apóstolo, á natureza, á raza e a Nietzsche. Participaron neste número Euxenio Montes, Risco, Antón Vilar Ponte, Cabanillas, Amado Carballo, Manuel Antonio e Valentín Paz-Andrade.