Alcobaça
Cidade do distrito de Leiría, en Estremadura, Portugal, ao N de Lisboa (5.235 h [1991]). Moi coñecida pola súa abadía cistercense, fundada entre os anos 1153 e 1154 grazas á doazón das terras da Alcobaça por parte do Rei don Afonso Henriques a San Bernaldo, fundador da Orde do Císter. Os primeiros monxes para a construción do templo chegaron dende a abadía central de Claraval en Francia. O mosteiro é un reflexo das abadías cistercienses de Pontigny e de Claraval (Clairvaux). Nos muros da igrexa altérnanse vans de medio punto e contrafortes. O claustro (s XlV) lembra o de Santa Cruz e serve de modelo aos das catedrais de Lisboa e Évora. Nun dos seus lados encóntrase a sala capitular, con ventás e arquivoltas de influencia románica. O refectorio, de grandes dimensións, é unha das dependencias máis importantes. A construción primitiva reformouse nos ss XII e XIII. O Rei Pedro I o Xusticieiro (1320-1367) confirma as doazóns do mosteiro e amplía os seus territorios. Alí será soterrado o monarca xunto coa súa segunda muller, dona Inés de Castro, sendo as súas tumbas unha das xoias da escultura gótica europea, que amosa influencias mudéxares. No ano 1580 o Papa Pío V eleva a abadía á categoría de Cabeza da Orde do Císter. Afectada polo terremoto do 1755 e asolagada no 1772, tívose que recorrer aos empréstitos para levar a cabo a súa reconstrución. A invasión napoleónica produciu grandes estragos no mosteiro: desapareceron obxectos de arte e xoias, incendiaron o coro e outras dependencias e danáronse parte das tumbas de don Pedro e dona Inés. Dende o ano 1834 o mosteiro non depende da orde relixiosa.