Alembert, Jean-Baptiste le Rond D’
Enciclopedista francés. En 1739 publicou Mémoire sur le calcul intégral, que lle serviu para ser admitido en 1741 na Académie des Sciences. Dous anos máis tarde publicou a súa obra fundamental, Traité de dynamique. Nomeado codirector da Encyclopédie con Diderot (1747), encargouse das seccións de matemáticas e física. No Discours préliminaire (1751), expuxo as liñas mestras da obra. En 1754 ingresou na Academia Francesa. Unha serie de razóns fixéronlle abandonar a codirección da Encyclopédie (1758). A súa reflexión filosófica apareceu, sobre todo, no Essai sur les éléments de philosophie, publicado en 1759 na segunda edición das súas Mélanges de philosophie, d’histoire et de littérature (primeira edición, 1753). Os seus tratados sobre matemática foron reunidos nos Opuscles mathématiques (1761-1780, 8 volumes). A súa aportación científica, influída fundamentalmente por Newton, centrouse, no que toca á física, en resolver o problema básico da dinámica (principio de D’ Alembert); en matemáticas, é esencial a súa formulación precisa do teorema fundamental da álxebra. Filosoficamente, D’Alembert foi cualificado como un “positivista”. En 1805 aparecen as súas Oeuvres philosophiques, historiques et littéraires (18 volumes). Na Península Ibérica, a súa obra xa fora fortemente coñecida e divulgada no s XVIII.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso