Alexandría, escola de
Movemento de científicos e técnicos que, desde a implantación en Exipto da dinastía ptolemaica (s IV a C) se formou arredor do Museo de Alexandría. Alí reuniuse o número máis grande de científicos da historia anterior ao s XX. Herófilo e Erasístrato foron grandes anatomistas. A escola de medicina recolleu as diferentes tendencias da medicina grega anterior. En xeografía, Eratóstenes e Aristarco de Samos fixeron traballos como a medida do radio da terra ou o heliocentrismo. En matemáticas, os libros de Euclides, Apolonio, Ptolomeo e Diofante foron libros de texto ata os ss XVII ou XVIII. Zenódoto de Efeso, Aristófanes de Bizancio, Aristarco de Samotracia, Dionisio o Tracio ou Apolonio Díscolo foron os iniciadores da gramática científica. Herón, Ctesibio e Sóstrato construíron máquinas de vapor e de aire. A alquimia, con Zósimo de Panópole, tamén foi cultivada alí. A partir do s II a C os últimos científicos do helenismo viviron lonxe de Alexandría, pero mantiveron correspondencia co Museo, con Arquímedes ou con Galeno.