alfaia
(<ár al-hājâ ‘o utensilio’)
-
s
f
Adorno ou xoia feita con pedras e metais preciosos, empregada polas persoas ou ben como ornamento de igrexas.
Ex: Agasallouna cunha alfaia de ouro branco e diamantes na petición de man.
-
s
f
Calquera elemento de valor que ten moita importancia para o individuo.
Ex: A túa alfaia máis querida son os teus animais.
Sinónimos: xoia. -
s
f
Conxunto de elementos téxtiles dunha casa, como colchas, cortinas e sabas.
Ex: Recolleron todas as alfaias no intre no que realizaron a mudanza.
-
s
f pl
Conxunto de pratos, fontes, cuncas e demais utensilios que se empregan para o servizo da mesa.
Ex: Na voda regaláronlles unha alfaia preciosa de Sargadelos.
Sinónimos: vaixela. -
s
f
Galicia é dende a Antigüidade terra coñecida pola abundancia de xacementos mineiros, ben documentada dende os máis antigos relatos escritos que nos chegan da nosa terra. A Idade do Bronce presenta unha gran riqueza de motivos decorativos e de técnicas de ourive: incisión, erguido, estampado e punteado polo anverso. O conxunto máis impresionante é o do Tesouro de Caldas, descuberto no 1940. Moitas das pezas que o compoñían foron vendidas, pero unha parte aínda se conserva no Museo de Pontevedra. O peso do conxunto é duns vinte quilos e todas as pezas son de ouro macizo de máis de vinte quilates. Hai paralelos destas pezas en moitos lugares tanto de Galicia coma de fóra, atopando posibles influxos nórdicos, centroeuropeos e bretóns nos brazaletes, vasos, peites e torques de prata. A ourivería castrexa acada en Galicia cotas de esplendor; consérvase un gran número de alfaias de ouro que aproveitan a abundancia deste metal nos ríos Sil e os seus afluentes. As técnicas empregadas son repuxados, estampados, filigranas, granulado e cicelado. A máis característica peza castrexa é o torque, colar ríxido aberto, de ouro polo xeral, presentando os de prata unha forma feita a base de aramios trenzados e decorado coas técnicas do puntillado e estampado, sendo os seus motivos semellantes aos da cerámica: zigzag, eses, círculos, puntuacións e deseños xeométricos. Outra alfaia castrexa é o diadema, do que polo momento se teñen escasos exemplos e non se coñece con certeza a súa función e colocación; eran de ouro e decorados mediante repuxado e estampado, destacando o atopado en Ribadeo. As arracadas, se cadra de uso exclusivamente feminino, pendurábanse da orella, tanto na súa parte alta coma no lobo, e, frecuentemente, tiñan forma de ferradura e estaban decoradas con filigranas feitas mediante repuxado, estampado e granulado; os seus mellores exemplos atopáronse en Vilar do Santo, no Irixo e no Tesouro de Bedoia. A maior parte dos brazaletes son de ouro, pero tamén os hai de prata e bronce, aínda que o seu ornamento é máis pobre ca o do torque. As fíbulas e fibelas, empregadas as primeiras para prender roupa e as segundas para atar correas, son pezas moi correntes, de bronce polo xeral, ben que tamén as hai de prata e ferro. Na época sueva houbo carencia de metais preciosos, polo que as mostras de ourivería son moi pobres. Xa nos séculos VIII e IX abondan as mencións documentais a obxectos litúrxicos: cálices, caixas, dípticos, cruces con xemas, destacan sobre todo as cruces de Serrano e de Ordoño II e a ofrecida por Afonso III á Catedral de Santiago no ano 874, que enlaza pola súa decoración de filigranas coas pezas castrexas. A partir do ano 1000 faise notar novamente a explotación do ouro galego, mantendo as crónicas que a Catedral de Santiago posuía nos tempos de Xelmírez máis de trescentas cruces de metais nobres. Dende o século XVI, as alfaias galegas comezan a ser outra vez importantes e clasificadas en catro grupos de ourives: os prateiros populistas, con talleres en Santiago, Betanzos, Noia e Padrón, estaban dedicados ás filigranas en ouro e prata sobredourada: pendentes, santiaguiños, aderezos, colgantes e broches, pezas nas que perduran as formas da ourivería antiga e medieval; na actualidade, a colección máis importante está no Museo de Pontevedra. Os ourives de temas relixiosos, dinastías enteiras de prateiros, fixaron o seu espírito no último Gótico e no Renacemento, labrándose ata o século XVIII as tipicamente góticas cruces flordelisadas. Os prateiros que mantiveron máis tempo as vellas tipoloxías foron os portugueses que arraigaron en Galicia: os Duarte, Gómez Pereira e Sousa, sendo así mesmo os xoieiros da “obra nova” tamén portugueses na súa maioría. A inmigración de artistas e artesáns viuse moi favorecida polas peregrinacións, estimulada ademais pola carencia de artistas salientables nacidos no país; no 1588 as probas dos mestres de pratería facíanse en Portugal. Tampouco era o ouro galego o que se labraba senón o que viña de América, con modelos e formas suntuosas ben diferentes das tradicionais. Moitas familias de prateiros galegos chegan ata os nosos tempos: os Ares López, que remontan o seu traballo ao 1529, ou os Suárez, que traballaban no século XVII en Pontedeume, e dos que agora quedan descendentes pontevedreses. O gremio dos ourives vivía en veciñanza, conservando aínda hoxe prazas e rúas nomes como “Praterías” ou “Pratería vella”, “Ourives”, etc. Bo exemplo das estruturas de talleres e venda do gremio é o conxunto de soportais arredor da Catedral de Santiago, nas prazas das Praterías e da Trinidade ou Acibecherías, que remanecen case que intactas na actualidade.
-
s
m
[LING]
Termo da xerga dos albaneis que corresponde á voz ‘xastre’.