Alfama, Orde de

Alfama, Orde de
[HIST]

Foi fundada polo Rei Pedro II de Aragón no 1201, ao conceder nese ano a Juan de Almenara, Martín Vidal e outros cabaleiros a terra desértica de Alfama, a cinco leguas de Tortosa. Alí construíron unha fortaleza para defensa do reino aragonés contra os ataques dos musulmáns. Adoptaron a Regra de Santo Agostiño e obtiveron a aprobación canónica o 15 de maio do 1373, por bula de Gregorio IV, reinando Pedro I o Cerimonioso. O 8 de setembro na capela do Pazo Real de Barcelona, en presenza do Rei e da súa Corte, o Bispo de Lleida recibe a Orde baixo a protección da Santa Sé impoñendo o hábito branco e a cruz vermella de San Xurxo aos seus cabaleiros. Anos máis tarde, diante da falta de rendas e o reducido número de cabaleiros, o seu último mestre, Francisco de Ripollés, solicita ao Rei a reforma ou a abolición da Orde, renunciando á súa mestría que queda en mans do Papa Benedicto XIII. Martiño o Humano pensou entón incorporala á Orde de Montesa, creada logo da desaparición da Orde do Temple, solicitando do pontífice o 8 de marzo do 1399 a aprobación duns capítulos que contiñan as bases da incorporación. O Rei enviou unha embaixada a Aviñón para obter a aprobación o 15 de outubro do 1399. Ao día seguinte de ter recibido a renuncia do mestre da Orde, o Papa expide a bula solicitada, pero en termos que desgustaron tanto ao Rei como á Orde, motivada polo malestar que lle producira ao pontífice o feito de o mestre e cabaleiros de Montesa utilizaren sen a súa licenza a cruz vermella de San Xurxo o día da coroación de Martiño o Humano. Logo dalgunhas explicacións, Benedicto XIII accede a retirar as cláusulas de inculpación e, o 24 de xaneiro do 1400, expide a bula Ad ea libenter intendimus, pola que a Orde de San Xurxo de Alfama se incorpora á Orde de Montesa, tomando o nome de Orde de Nosa Señora de Montesa e San Xurxo de Alfama.

Palabras veciñas

alfalfa | alfalfal | Alfama | Alfama, Orde de | Alfamete | alfándega | alfandegueiro -ra