Algarve

Algarve

Rexión histórica do extremo S de Portugal que corresponde co actual distrito de Faro (4.986 km2; 342.000 h [estim 1992]). Limita ao S e ao O co océano Atlántico e ao L con Andalucía (España) por medio do río Guadiana. Atópase separado do Baixo Alentejo e do resto de Portugal polas serras de Monchique (902 m de alt), ao O, e de Caldeirão (589 m de alt), ao N. Divídese en Alto Algarve e Baixo Algarve. Na Idade de Bronce tiña unha cultura propia (Bronce Meridional Portugués). Despois da conquista romana pasou a formar parte da provincia da Lusitania. No s XI, existían as pequenas Taifas de Silves e do Algarve, ambas absorbidas pola de Sevilla; a de Silves reapareceu no s XII. O Algarve foi incorporado ao Reino de Portugal por Afonso III no ano 1249, e foi asegurado para o reino luso polo Tratado de Alcañiz (1297). Os portugueses distinguiron entre o Algarve aquenmar e o Algarve alenmar (no litoral marroquino). O herdeiro da Coroa portuguesa ostentaba o título de Príncipe dos Algarves. No 1637 a represión da revolta que se producira contra os tributos decretados polo Conde-Duque de Olivares constituíu o alicerce da Guerra da Independencia, coñecida na historiografía portuguesa como Guerra dos Filipes.