Alianza Marinera de Cangas, La

Alianza Marinera de Cangas, La

Sindicato pesqueiro do concello de Cangas do Morrazo, fundado en 1914 e disolto en 1936. De tendencia socialista antes da proclamación da Segunda República Española, en 1931 afiliouse á anarquista Federación Regional de Industria Pesquera. O seu obxectivo era a unión de todos os traballadores da pesca para reclamar melloras nas condicións sociolaborais dos mariñeiros e demais traballadores do mar. Foi unha das maiores organizacións mariñeiras do litoral das Rías Baixas, pois en 1932 agrupaba a máis de 1.500 afiliados. En maio de 1931 protagonizou as folgas pesqueiras que afectaron aos portos de Cangas, Moaña e Guixar (Teis) nas que reclamaban unha mellora nas condicións de venda do peixe por parte dos fabricantes de conserva, aos que se lles esixía o pago do carrexo e a imposibilidade de rebaixar o prezo con posterioridade. Esta conflitividade, que se espallou aos portos de Ferrol, A Coruña e Mugardos, produciu nos anos 1931 e 1932 unha importante conflitividade entre armadores (que aceptaran as demandas sindicais), mariñeiros e conserveiros.