Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas
Organismo unitario composto por todas as forzas políticas e sindicais antifascistas, agás o PCE, constituído en xullo de 1944 coa finalidade de alentar en todo o Estado español o derrocamento do réxime de Franco. En Galicia, a CNT vai xogar un papel sobranceiro tanto no seu artellamento, como na tentativa de integrar sectores próximos ao Partido Galeguista. A Alianza comezou a tomar forma no Pleno da Confederación Regional Galaica da CNT, celebrado nos arrabaldes da Coruña a comezos de 1945 con asistencia de numerosos delegados, non só sindicais senón tamén dalgunhas partidas guerrilleiras que actuaban no L de Galicia. Unha vez coñecido o informe do comisionado do Consello nacional da ANFD, Manuel Fernández, o pleno decidiu apoiar a creación inmediata dos grupos locais da Alianza, contando co resto das correntes antifranquistas. En cumprimento do acordo, os cenetistas galegos Manuel Fernández e Xan García Durán, representantes do Consello da ANFD, contactaron en abril de 1945 con Ramón Piñeiro a través dos irmáns Cesáreo e Camilo Saco, monfortinos residentes en Madrid e membros do PG. Como resultado das negociacións, a mediados de decembro tivo lugar en Compostela unha xuntanza da ANFD galega, onde García Durán pola CNT, Raimundo García Domínguez Borobó, polo PSOE, Lois Peña Novo, polos republicanos, e o propio Piñeiro, polos galeguistas, acordaron enviar unha delegación a Francia para coñecer a postura do Presidente do Goberno da República no exilio, José Giral, verbo dunha saída plebiscitaria ao réxime e da posible presenza dun representante do nacionalismo galego no devandito Goberno. Os comisionados resultaron ser Piñeiro e García Durán, que, en xaneiro de 1946, recibiron en París a conformidade de Giral á entrada de Castelao como ministro sen carteira. De volta a Galicia ao cabo de dous meses, Piñeiro e García Durán deron conta da xestión nunha plenaria da ANFD galega, realizada na residencia de verán de Armando Cotarelo Valledor, en Vilaxoán. Castelao entrou no Goberno Giral en abril de 1946, coincidindo coa detención en Madrid de Piñeiro, Manuel Fernández e García Durán, á saída dunha xuntanza do Consello nacional da ANFD. Pouco despois, no primeiro semestre de 1947, o esfarelamento da CRG pola policía, acabou coas actividades da Alianza en territorio galego.