Alianza Popular
Organización política española fundada en outubro de 1976 como resultado da federación de sete grupos dereitistas preexistentes, encabezados por M. Fraga Iribarne, L. López Rodó, C. Martínez Esteruelas, G. Fernández de la Mora, L. de la Fuente, F. Silva Muñoz e E. Thomas de Carranza. Foi a segunda forza política do estado dende 1982, ano en que xunto coa Unión Liberal (UL) logo Partido Liberal e o Partido Demócrata Popular (PDP), formou Coalición Popular (AP-PDP-UL) coa que concorreu ás eleccións xerais de outubro de 1982 e xuño de 1986 presentando a Manuel Fraga como candidato á Presidencia do Goberno. Os resultados electorais reflectiron un estancamento ao obter en ambos os comicios 105 escanos no Congreso dos Deputados, o denominado teito electoral. Diante do fracaso, os democristiáns do PDP abandonaron a coalición (xullo de 1986), Manuel Fraga demitiu da presidencia do partido e anunciou a súa retirada da política española (decembro de 1986), e os liberais de UL seguiron os pasos do PDP e abandonaron o grupo popular (febreiro de 1987). Antonio Hernández Mancha ocupou o posto de Fraga na organización, pero non obtivo o apoio do partido e nas eleccións europeas de 1987 sufriu unha gran perda de votos respecto das xerais do 1986. No 1989, logo dun congreso de refundación en xaneiro, pasou a denominarse Partido Popular baixo a dirección de José María Aznar. En Galicia, Alianza Popular acadou a vitoria nas primeiras eleccións autonómicas celebradas o 20 de outubro de 1981 obtendo o 30,52% dos votos e 26 deputados no Parlamento de Galicia (dun total de 71), e o seu candidato, o doutor Xerardo Fernández Albor converteuse no primeiro Presidente electo da Xunta de Galicia. Nas eleccións do 24 de novembro de 1985 (agora como Coalición Popular) renovou a maioría co 41,17% dos sufraxios (34 deputados de 71 totais) e Fernández Albor foi reelixido grazas á abstención dos 11 deputados de Coalición Galega. As loitas polo poder no interior da organización galega, coa demanda do seu Secretario Xeral e Vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, dun cambio na xefatura da Xunta, remataron coa súa demisión de ambos os cargos en setembro de 1987, e o seu ingreso canda algún dos seus compañeiros parlamentarios en Coalición Galega. O 22 de setembro de 1987 unha moción de censura presentada polo Partido Socialista de Galicia-PSOE, Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego afastou do poder a Alianza Popular e levou á presidencia da Xunta ao socialista Fernando González Laxe.