Alianzas Obreiras
No Nadal de 1933 a CNT viña de colleitar un rotundo fracaso na súa última tentativa insurreccional e o PSOE, á súa vez, de perder as eleccións. En Europa, o fascismo deixara reducidas a cinsas potentes organizacións socialistas austríacas e alemanas. A maiores, a crise económica, o endurecemento patronal e o xiro á dereita dos partidos republicanos, ameazaban as conquistas obreiras do primeiro bienio republicano. Nese contexto, primeiro en Catalunya e logo na Comunitat Valenciana, vanse producir senllas tentativas de unidade entre as diversas correntes proletarias, que tomarán a denominación de “Alianzas Obreiras”. Estas, sen embargo, non estarán apoiadas nin pola CNT, nin polo PCE. Como é sabido, a conxunción de todas as forzas obreiras cun obxectivo revolucionario, tan só vai ser posible en Asturias, nos días da frustrada Revolución de outubro de 1934. En Galicia, a actitude dos libertarios vai ser, pola contra, máis aberta. Na alborada de decembro de 1935, a CRG tomou posición definitiva sobre as Alianzas no seu Congreso de Ourense. A decisión non desmentiu o que a loita societaria xa amosara decote (aquí, en maior medida que no resto do Estado, agás Asturias) ao longo do ano; eis: unidade sindical nos conflitos laborais e desexo dunha avinza coa UXT por ver de chegar a un acordo antifascista e revolucionario. Chegábase, daquela, ao punto culminante dun proceso comezado había máis de tres anos coa unánime folga xeral do Ferrol, a celebración unitaria do 1º de Maio de 1933 e 1934 en diversas localidades galegas, e as declaracións favorables a unha alianza, formuladas en febreiro de 1934 polo Comité da CRG e a totalidade das organizacións obreiras do Ferrol. De feito, a vontade unitaria cobraba sentido en Galicia nos trazos especiais que distinguían o panorama societario do país: o illamento e dispersión do obreirismo no seo dunha sociedade maioritariamente rural, e o equilibrio de forzas entre uxetistas e cenetistas.