ALiR
O Atlas Lingüístico da Romania é un atlas interpretativo, no que os mapas se presentan con comentarios ou sínteses. Presenta unha filiación co ALE (Atlas Linguae Europeae). Este proxecto pretende subministrar unha visión xeral da situación lingüística das linguas románicas europeas servíndose dunha análise léxica, fonética, fonolóxica e morfosintáctica. Os traballos que envían os especialistas de cada dominio lingüístico coordínanse no Centro de Dialectoloxía da Universidade Sthendal de Grenoble. Da dirección científica do AliR encárganse o seu Presidente (G. Tuaillon-Grenoble) e o Director (M. Contini-Grenoble). Trátase dun Atlas de segunda xeración, isto é, explota datos subministrados por atlas nacionais e atlas rexionais. No AliR o territorio románico repartiuse en dez comités: portugués, galego, español, catalán, francés, valón, suízo, italiano, romanés e moldavo. En relación co dominio lingüístico galego son membros do comité de redacción: Rosario Álvarez Blanco, Mercedes Brea López, Francisco Fernández Rei, Elvira Fidalgo Francisco, Constantino García González, Manuel González González, María González González e Antón Santamarina Fernández. Manuel González González encargouse no tomo I do primeiro volume de realizar a descrición das xeovariantes galegas. Este atlas fornece unha visión conxunta da situación das linguas románicas a través de 1.036 puntos que representan áreas dialectais. O ALiR pretende ofrecer esta achega lingüística ao espazo románico nun total de 11 volumes do que viu a luz o primeiro. Efectivamente, en 1996 publicouse o primeiro volume que se compón de tres fascículos: un de presentación xeral do proxecto que dá conta dos especialistas que forman parte de cada un dos Comités de dirección e de redacción; o segundo fascículo que contén os artigos do comentario lingüístico e finalmente, os mapas interpretativos en que as variacións fonéticas, morfolóxicas e léxicas son representadas a través de símbolos. Trátase, polo tanto, de mapas poligonais que permitirán importantes avances en dialectometría románica.