Allariz-Maceda

Allariz-Maceda

Comarca do S de Galicia a medio camiño entre as áreas montañosas da Serra de Queixa e a sucesión de depresións tectónicas de Ourense-A Limia-Monterrei. Nunha superficie de 382 km2viven no 1996, 15.937 persoas, o que supón unha densidade de 41,71 h/km2. A comarca está formada polos concellos de Allariz (5.178 h), Baños de Molgas (2.292 h), Maceda (3.467 h), Paderne de Allariz (1.718 h), Xunqueira de Ambía (2.150 h) e Xunqueira de Espadañedo (1.132 h). O propio nome denota unha bicefalia: a comarca conta con dous pequenos núcleos urbanos de importancia semellante: Allariz e Maceda. Ambos reparten a súa influencia funcional. A proximidade a Ourense e a competencia interna impediu a consolidación dun centro reitor comarcal claro. A comarca artéllase ao redor de dous eixos. Un ao N: a estrada C-536 en dirección a Valdeorras no que se asenta Maceda. E outro ao S: a estrada N-525 que pasa por Allariz. As dúas vilas son tamén lugar de confluencia de estradas locais desde as que se articulan os territorios próximos. A Maceda chegan a OU-101 e a OU-104. A Allariz a OU-300 e a OU-320. Esta última serve de conexión entre ambas vilas. O eixo S da comarca saíu reforzado a causa do trazado da autovía das Rías Baixas, aberta ao tránsito o 29 de decembro de 1998.
Medio físico

A comarca ocupa un espazo de transición no que se poden diferenciar varias unidades de relevo. No NO está a parte máis elevada. Trátase dunha mole granítica que separa o curso do río Sil da depresión de Ourense. A súa orixe é tectónica: trátase dun bloque elevado na era terciaria polo pregamento alpino. Os puntos máis elevados están localizados nunha liña dos cumes entre o Monte Meda (1.323 m) e o San Mamende (1.618 m). Este último sitúase na antesala do conxunto da Serra de Queixa. Unha segunda unidade é o conxunto central da comarca formado pola unión das depresións de Maceda e Allariz. Correspóndese este sector co val do río Arnoia. É unha superficie de aplanamento situada a unha altitude entre 500-600 metros. A liña de contacto deste sector ofrece unha ruptura brusca da pendente: a depresión de Maceda respecto ás serras do NO, e a de Allariz respecto ao nivel da Limia. Presenta unha leve caída cara ao río Miño. Unha terceira, de extensión inferior ás anteriores, pode individualizarse no concello de Xunqueira de Ambía. Trátase dunha superficie plana, nunha altura oscilante nos 600 metros, que se integra de cheo na depresión da Limia. Litoloxicamente as zonas deprimidas están recheas de materiais sedimentarios. Mentres os rebordos montañosos presentan diversos afloramentos graníticos. En canto á rede fluvial, a comarca presenta tres concas diferenciadas: a do Limia, a do Miño e a do Arnoia (esta é dependente nun segundo nivel da do Miño). O río máis importante neste territorio é o Arnoia, que drena gran parte da superficie comarcal. Atravesa as áreas baixas de L a O. O val do Arnoia separa as concas do Miño e do Limia. Entre os seus principais afluentes están o Vilaboa ou o Tioira. No concello de Paderne de Allariz nace o pequeno río do Cerdeiriño que rega o bordo oriental da depresión de Ourense e desemboca directamente no Miño. Na parte S de Xunqueira de Ambía e Allariz nacen dous pequenos regos que verten as súas augas ao río Antela, afluente á súa vez do Limia. O carácter de comarca de transición tamén se identifica nos caracteres climáticos. Ocupa unha zona a cabalo entre un clima oceánico de carácter continental e outro de montaña. As precipitacións son baixas para o contexto xeral de Galicia: unha media de 900-1.100 mm anuais, que se reparten en 110-120 días de choiva de promedio.O período estival a causa da escaseza de choivas e as relativamente elevadas temperaturas medias, presenta un déficit hídrico de 100-200 mm. Na distribución das temperaturas as condicións locais teñen importancia. Pódense establecer matices entre as zonas de val, máis cálidas e suaves, e os rebordos montañosos de condicións máis duras.
Xeografía humana

A poboación desta comarca presenta una dinámica regresiva nas décadas recentes. O actual volume demográfico é menos da metade do existente a principios de século. A evolución dos últimos cen anos (1900-1996) presenta dúas fases perfectamente diferenciadas: unha, ata mediados de século, que se caracteriza por unha certa estabilidade ao redor dos 30.000 habitantes e as elevadas taxas de natalidade, características nos espacios rurais de Galicia, permiten compensar os decrecementos derivados da mortalidade e as saídas migratorias; outra, a partir dos anos de 1950 cando comeza o declive demográfico. A causa fundamental foi o inicio dun moi forte éxodo migratorio cara ao estranxeiro e outras rexións do Estado (sobre todo Euskadi e Catalunya). Á perda de poboación directa que este fenómeno supón, hai que engadirlle os efectos que acarrea na estrutura demográfica: avellentamento, desequilibrio por sexos e redución da fecundidade. Esta dinámica regresiva no demográfico consérvase na actualidade. No período 1991-1996 a comarca segue a perder habitantes: 1.286 en total, dos cales 826 son o saldo negativo do crecemento vexetativo, e 460 pérdense por vía migratoria (mantéñense as migracións externas ao resto do Estado español e ao estranxeiro). A pirámide de poboación ofrece a forma invertida. Os nacementos son inferiores numericamente ás defuncións: no período 1991-1996 en toda a comarca nacen de promedio só 58 nenos (unha taxa de natalidade de 3,6‰), e prodúcense 200 defuncións anuais (unha taxa de mortalidade de 12,6‰). Internamente a poboación distribúese polo espazo de xeito desigual. Os concellos “cocabeceiras” de Allariz e Maceda son os máis poboados. Ambos contan cos asentamentos de maior entidade (a vila de Allariz ten 2.563 habitantes e a de Maceda 1.792). Destacando neste punto a secuencia da vila de Allariz que experimenta un crecemento forte: pasa de 1.666 en 1991 aos 2.563 subliñados.
Xeografía económica
Na estrutura socioprofesional da comarca predomina o emprego terciario. Un 42,6% dos activos dedícanse ao comercio e aos servicios. O emprego agrario, ata hai pouco predominante, decaeu moito nos últimos anos (en 1981 daba traballo ao 56,2%). As razóns deste cambio radican no abandono, por causa de falta de relevo xeracional e escasa viabilidade, de moitas explotacións agrarias e, por outra parte, na difusión de empregos terciarios que se produce desde a cidade de Ourense. Cada vez a comarca está máis integrada na área urbana de Ourense grazas á mellora das comunicacións e da cualificación profesional dos seus habitantes. Este feito explica o espectacular incremento dos traballadores nos servicios en só 15 anos: en 1981 só significaban o 18,7%. O emprego industrial e a construción tamén se incrementa, pásase dun 11,9% na industria en 1981 a un 17,5% e no emprego da construción dun 13,1% a un 17,5%. A gandería vacúa ten un papel secundario dentro da economía da comarca. No seu conxunto só se chega a 4.452 cabezas, das que o 80% das mesmas teñen unha orientación cárnica. Trátase dunha actividade de autoconsumo, pouco modernizada e cun marcado protagonismo da pequena explotación. Como consecuencia, os usos do solo mostran un baixo nivel de ocupación: o 55,9% das terras da comarca están nun estado de abandono. Maior interese presenta a gandería intensiva de porcino e aves. Esta, ligada ao grupo COREN, acada certo protagonismo nos últimos anos. Destaca o municipio de Maceda con máis de 10.000 cabezas de porcino. A actividade empresarial é de pouca importancia. Predominan pequenas industrias para abastecemento do ámbito local, de limitada capacidade de xeración de emprego e baixos volumes de facturación: panaderías, aserradoiros, almacéns, etc. Desta situación só sobresaen as cerámicas e fábricas de materiais de construción localizadas en Maceda e Xunqueira de Espadañedo que utilizan no seu proceso de fabricación os sedimentos do fondo da depresión. No tocante aos servicios, identifícase unha dualidade entre Allariz e Maceda; ambas as vilas, que comparten a súa función de cabeceiras comarcais, contan con equipamentos públicos de ámbito supramunicipal e diversos servicios privados: 6 oficinas bancarias en ambos os casos, 84 licencias comerciais en Allariz e 75 en Maceda. O resto dos municipios presentan unhas mínimas dotacións neste campo. En conxunto, a comarca a nivel terciario está subequipada, dependendo da cidade de Ourense para o acceso a aqueles servicios de mínima especialización. Unha actividade en claro ascenso e con perspectivas de futuro é o turismo. Na comarca cóntase cun rico patrimonio histórico-artístico. Ao Centro Histórico de Allariz pódenselle sumar monumentos importantes: o santuario dos Milagres de Maceda, de estilo barroco, o mosteiro de Xunqueira de Espadañedo cos seus tres claustros barrocos, a colexiata románica-plateresca de Xunqueira de Ambía ou as varias igrexas do románico rural. Débeselle engadir a isto como factor de atracción a tradición balnearia de Baños de Molgas, a riqueza artesanal (cerámica de Niñodaguia, os doces de Allariz, etc), e o atractivo do medio natural, especialmente nas ribeiras do río Arnoia.
Configuración comarcal

Allariz-Maceda é una comarca de agregación e que ten como maior vínculo de unión o feito de ser un espazo de transición situado no rebordo oriental da gran depresión ourensá. A súa configuración presenta unha dificultade de escalas. Nunha escala subrexional de grandes comarcas xeográficas este espazo integraríase dentro dos vales e depresións meridionais. Así o din a Catedrática Torres Luna e o profesor Chantada Acosta. Noutro nivel de análise espacial microrexional esta comarca poderíase subdividir en dúas: a Terra de Maceda (que se corresponde coa súa depresión), e o Val do Arnoia (depresión de Allariz). Deste xeito clasifican estas terras autores clásicos como Otero Pedrayo e Antonio Fraguas. Os vínculos comarcais son débiles, tanto desde un punto de vista natural ou funcional. Non se trata dunha comarca natural en sentido estricto pois conta con unidades de relevo ben diferenciadas: é un espazo de transición entre o val do Miño e as serras orientais que culminan en Manzaneda. Funcionalmente tamén se fai difícil falar das súas relacións. Conta con dous pequenos centros terciarios, Allariz e Maceda, de comezos demográficos e capacidade de atracción terciaria semellantes. Entre ambos repártense o dominio territorial sobre os espacios ruais adxacentes. Os dous foron tradicionais lugares de celebración de feiras e mercados periódicos, contan con servicios de alcance supramunicipal e debuxan unhas pequenas, aínda que relativamente nítidas, áreas de influencia propias. Por outra parte, debido ás carencias dotacionais da comarca, esta zona presenta un elevado nivel de dependecia funcional respecto á Ourense. Ata 1965 Allariz foi capital do partido xudicial do mesmo nome, que foi a referencia de vinculación comarcal máis clara. Desde 1833 ata 1965 este espazo formou unha unidade no ámbito da administración xudicial se ben, como reflexo da dualidade da comarca, a capital do partido alternou entre as vilas de Allariz e Maceda. Outro dato que nos fala desta situación de indefinición funcional son as relacións de mancomunidade entre os municipios. Allariz, Xunqueira de Ambía e Taboadela (na comarca de Ourense) teñen mancomunados entre eles varios servicios. Mentres Maceda, Baños de Molgas, Paderne e Xunqueira de Espadañedo pertencen á mancomunidade liderada por Ourense. En resumo estase ante unha comarca de débiles lazos internos nos aspectos funcionais, cunha dobre capitalidade, e que desde o punto de vista natural tampouco forma unha unidade clara.