Aller Ulloa, Ramón María

Aller Ulloa, Ramón María

Foi Catedrático de Astronomía na Universidade de Santiago de Compostela e sacerdote. En 1948, na Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional, reunida en Zúric, resulta elixido membro da Comisión encargada do estudo das estrelas dobres, onde deixou pegada. A súa obra Introdución a la Astronomía (1943) constituíu unha achega trascendental a ese eido científico, en tanto que Astronomía a simple vista (1948) é un interesante libro de divulgación. Aínda que destacou como astrónomo, tamén realizou unha importante contribución no ámbito matemático. No seu libro Algoritmia: principios fundamentales de la ciencia de los números (1918), recolle con claridade os fundamentos da análise matemática. Tamén foi importante a súa contribución á teoría parabólica dos erros e dos conxuntos e números finitos, indefinidos e transfinitos. En 1912 construíu un observatorio en Lalín e logo foi director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago. Como mostra da súa personalidade científica cómpre indicar que foi doutor en Teoloxía. Foi membro correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, numerario da Real Academia Galega e conselleiro de honra do Consello Superior de Investigacións Científicas. Así mesmo, formou parte do grupo de escritores e investigadores do Seminario de Estudos Galegos. Colaborou en diversas revistas, entre as que cómpre salientar as seguintes: Logos, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Urania, Nós, Las Ciencias, L’Astronomie, Revista de Geofísica, etc. Aller Ulloa debe ser considerado, pola categoría dos seus libros, artigos, observacións, aparellos deseñados e escola por el creada, como un dos científicos galegos máis salientables do século XX. En 1989 editouse con carácter póstumo o volume Os ensaios en galego.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lalín

  • Deceso