alma
(< lat anĭma)
-
Revista ilustrada pontevedresa aparecida en marzo de 1915, que cesou no mesmo ano de saída. Colaboraron nela: Ortiz Novo, Postal Gradejas e Gaztambide, entre outros.
-
s
f
[RELIX/FILOS]
Principio vital dos seres viventes, especialmente o home. Na súa forma máis antiga, as concepcións da alma van ligadas a ideas de índole relixiosa. Nas culturas primitivas atópanse case sempre representacións dunha alma (ou ánima) que sobrevive ao home nun lugar inaccesible. Ademais da alma como alento, os primitivos cren noutras almas referidas a órganos (corazón, cabeza). Nas culturas primarias e secundarias, o termo maná pode servir para designar a alma dunha persoa, dun ser vivo ou dunha cousa morta, pero misteriosamente activa. Trátase dunha especie de forza ou fluído enerxético, que se instala nun corpo e que a miúdo se identifica co hálito (ātman do hinduísmo, asa dos Vedas, rûah dos xudeus), ou ben cunha multiplicidade de principios psíquicos, concepción que abre a porta a un pluralismo anímico extremo (no antigo Exipto eran atribuídas catorce almas ao deus solar). Nas culturas arcaicas as facultades específicas humanas son manifestacións dunha alma incorruptible, de natureza afín aos espíritos (daena da Persia antiga, ātman do bramanismo). En Exipto, a primitiva idea da supervivencia consideraba a morte como un paso a outra vida moi parecida á terrestre. No pensamento chinés, Hun é alma celestial, e Po, a alma inferior e terrenal. No hinduísmo, a alma (ātman) é o principio de vida, fragmento do espírito supremo e por iso ten atributos da divindade. Despois da morte do corpo transmigra a outro corpo, superior ou inferior segundo fosen as accións en vida ( transmigración). Segundo as ensinanzas de Buda, a alma propiamente non existe. Iso que o home chama alma é en realidade un agregado físico e mental de cinco elementos. A antiga relixión grega (por exemplo, en Homero) imaxina a alma como unha sombra que sobrevive despois da morte da persoa. Esta idea foi desenvolvida na doutrina esotérica do orfismo: o home componse de dous elementos, un é terreo e outro é divino; a unión destes co corpo vai contra a súa auténtica natura. Esta concepción é a orixe da idea da filosofía grega clásica, dunha alma inmaterial e inmortal. Os presocráticos pensaron que o Universo era un ser dotado dalgúns tipos de alma, pero mentres uns consideraban a alma humana como unha entidade superior radicalmente diferente do corpo, outros pensábana coma un principio vital non esencialmente distinta da materia (Demócrito e os atomistas). A temática sobre a alma adquiriu importancia filosófica con Platón. O mito órfico do Fedón, da alma prisioneira do corpo, reúne os elementos esenciais da concepción platónica da alma. A influencia foi decisiva na filosofía posterior: o dualismo completo entre a alma e o corpo. Posteriormente, na República e no Timeo, Platón afirma que a alma ten tres partes ordenadas xerarquicamente: a racional ou espiritual, a irascible e a concupiscible. Aristóteles rexeita o dualismo de Platón e concibe o home como unha unidade substancial, que analiza segundo a teoría do acto e a potencia. A alma é unha forma incorporada a unha materia, o corpo: é, entón, “o acto primeiro (entelequia) dun corpo que ten a vida en potencia”. Esta concepción lévao a dividir a alma, segundo as súas funcións, en vexetativa, propia das plantas, os animais e os homes; sensitiva, propia dos animais e os homes; e intelectiva, propia do home. A tradición da alma como principio de vida inmanente ao corpo foi seguida polos estoicos, os epicúreos e algúns peripatéticos. Os neoplatónicos continuaron coa doutrina platónica da alma como ponte entre o intelixible (o U) e o mundo material. Pese a que os neoplatónicos conservan a idea da alma como principio da vida (alma do mundo), estudiaron a concepción da alma coma unha entidade persoal, que definiu claramente o Cristianismo. A partir do s XVII, en Europa, a alma foi obxecto sobre todo do pensamento relixioso. O Racionalismo estableceu un dualismo radical entre alma e corpo (Descartes), pero o problema formulado non é a alma no sentido grego ou cristián. As correntes empíricas (Hume) situaron a alma no terreo das cuestións non determinables pola razón, é dicir, fóra do ámbito da filosofía, orientación seguida por Kant. A partir da Ilustración, as correntes positivistas ou materialistas mantiveron respecto da alma unha actitude ben agnóstica ou ben negadora da súa existencia. A Biblia non ofrece unha doutrina desenvolvida da alma. O Novo Testamento non menciona tanto a inmortalidade da alma como a resurreción dos corpos. O pensamento entra en contacto coa filosofía grega e provoca, no Cristianismo primitivo, unha serie de confrontacións. Clemente e Oríxenes consideraron que a alma é a imaxe de Deus. Agustín, imbuído de Neoplatonismo, vía na alma a esencia do home; no corpo, a sede dos seus erros. Pero na época patrística non vai quedar ben definida a cuestión da orixe das almas individuais (traducianismo, creacionismo). Tomás de Aquino apunta a unha unidade do home, a través da síntese de platonismo e aristotelismo, e o Concilio de Viena do Delfinado (1311-1312) declara como dogma de fe que a ánima intelectiva informa ao corpo per se et essentialiter. Pero, malia esta unidade, a alma, en tanto que espiritual, debe ser creada directamente por Deus e substitúese unha vez morto o corpo. Por iso, a práctica máis xeral da vida cristiá foi, durante séculos, consecuencia dunha visión dualista.
-
s
f
Principio que aparece no ser humano e que o caracteriza como persoa e individuo.
Ex: A alma é unha parte inmaterial que está presente nas persoas.
Sinónimos: espírito. Antónimos: corpo, corpo. -
s
f
Sentimento fondo co que se realizan as cousas.
Ex: Quere a ese rapaz con toda a súa alma.
-
s
f
Iso que é, respecto a unha cousa, como a alma respecto do corpo, parte esencial dunha cousa, que lle dá vida, vigor, forza.
Ex: Malia que está lesionado, segue sendo a alma do equipo.
-
s
f
Persoa ou grupo de persoas.
Ex: Habitaban ese lugar máis de mil almas.
-
s
f
Parte interior dos obxectos, que os sostén, que os reforza.
-
s
f
[ARTESAN]
-
Parte interior da pasta dunha cerámica delimitada polas superficies interior e exterior da peza. Estas superficies poden presentar unha coloración diferente da do exterior segundo o tipo de cocción; por exemplo, na cerámica campaniforme galega, a exterior é máis escura pola baixa temperatura e brevidade da cocción.
-
Aplicado á ourivería, este termo indica que o interior dunha peza metálica é dun metal diferente do que presenta no exterior.
-
-
s
f
[BÉL]
Burato no interior do canón dunha arma de fogo por onde pasa o proxectil. Pode ser lisa ou estriada de se lle dar ao proxectil un movemento rotativo que facilita a perforación do aire. A alma pode ser tamén seguida cando, dende a boca á recámara, ten o mesmo diámetro, ou recamarada cando a recámara ten un diámetro máis grande. A lonxitude da ánima adóitase expresar en calibres.
-
s
f
[CONSTR]
Muro no que se apoian os chanzos dunha escaleira.
-
s
f
[IND]
Parte interior dos contrachapados constituída por unha ou máis chapas de madeira que lle dan consistencia e que despois son recubertas con outras chapas de calidade superior e máis vistosas que forman as caras exteriores.
-
s
f
[IND/EMPR]
Cilindro ou tubo de cartón, madeira e outros materiais sobre o que se enrola un tecido ou unha bobina de papel.
-
s
f
[INDUM]
Peza da sola, de madeira ou metálica, que colocada entre a sobreplanta e a sola, enche e reforza o enfranque do calzado.
-
s
f
[MAR]
-
Fío de estopa situado no interior dalgúns cabos e dalgúns cables.
-
Cabo delgado de algodón que pasa polo interior da vaíña dalgunhas velas.
-
-
s
f
[MÚS]
Madeira que se pon dentro dos instrumentos da familia do violín, entre o fondo e a tapa, para comunicar as vibracións da tapa ao fondo e soster a presión que producen as cordas sobre a tapa a través da ponte. A súa composición, fabricación e colocación inflúen decisivamente na calidade do son.
-
s
f
[OFIC/IND]
Parte central dun mastro formado por diversas pezas.
-
s
f
[PSIC]
Segundo a psicoloxía de C. G. Jung, arquetipo da psique masculina que representa a súa feminidade inconsciente.
-
s
f
[TECNOL]
Parte interna dos fíos metálicos de ornamentación, cordas, cordas de instrumentos musicais ou cables metálicos, ao redor dos que se dispoñen outros fíos, cordóns, que lles dan o seu aspecto exterior, a desexada sonoridade, resistencia e outras características. Tamén, parte central dun perfil metálico, dunha viga, que une as ás.
-
s
f
[TÉXT]
Disco ou prancheta dos botóns forrados con roupa.
-
alma en pena Persoa infeliz ou que ofrece un aspecto lamentable, demacrado. A expresión provén do dogma cristián da redención dos pecados despois da morte mediante a penitencia no Purgatorio antes de poder acceder ao Paraíso celestial. Na mitoloxía galega as almas do purgatorio aparecen peregrinando a santuarios como parte da súa penitencia, cun andar lento e unha figura demacrada.
Frases feitas
-
Alma cándida! Pobriño!
-
Doer a alma. Estar canso de algo
-
. En corpo e alma. Entregarse completamente a algo. Ex: Os redactores dedícanse ao seu traballo en corpo e alma.
-
Alma de cántaro. Persoa que non ten sensibilidade ou discreción.
-
Andar como unha alma en pena. Persoa que ten un aspecto cándido e triste.
-
Caerlle a alma aos pés. Producir unha gran desilusión. Ex: En canto lle deron a nova do falecemento, caéulle a alma aos pés.
-
Dar a alma. Ofrecer todo o posible. Ex: Deu a alma por sacar adiante os seus fillos.
-
Entregar a alma. Morrer.
-
Nin unha alma. Ninguén. Ex: Fomos ao cine pero non había nin unha alma.
-
Partir a alma. Sufrir ou aflixir por algo malo. Ex: As imaxes da guerra partíronme a alma.
-
Saír da alma. Ser sincero. Ex: Todas as cousas que lle recriminei saíronme da alma.
-
Sentir na alma. Sentir dun xeito sincero. Ex: Sentín na alma a súa perda.
Refráns
- A alma na boca e os ósos no saco.