Almeida Mota, João Pedro
Músico portugués vencellado a Galicia durante parte da súa traxectoria artística. Sábese por investigacións do musicólogo Humberto d’Ávila que ingresou na Irmandade de Santa Cecilia de Lisboa como cantor no 1761, que pasou despois á casa do Infante-Arcebispo de Braga, e que dende aquí emigrou por razóns descoñecidas a Galicia en 1771, onde foi admitido como tenor na catedral de Santiago. Pouco durou a súa estadía en Compostela, pois en outubro de 1772 xa estaba como músico na catedral de Mondoñedo. Nun afán de mellorar a súa situación, en xullo de 1775 trasládase á de Lugo, na función de substituto do mestre de capela Manuel López del Río, mais -segundo o musicólogo- ao morrer o titular gaña a praza; sen embargo, é recusado o seu ascenso, polo que, despois dun litixio co cabido lucense, abandona Galicia para sempre. Parte entón cara a Astorga en 1783, xa como mestre de capela, e logo, en 1788, vai a Madrid en calidade de profesor de música do Real Colegio de Niños Cantores, cargo que lle outorga o Rei Carlos IV. Despois de cinco anos xa ten méritos suficientes para que o nomeen compositor da Capela Real. Deste período madrileño, debemos salientar a composición de 16 cuartetos de corda (que lembran a Haydn nos seus desenvolvementos) nos que acada un alto nivel creador. A súa estancia en Mondoñedo foi curta pero significativa, conservándose no arquivo da catedral mindoniense 18 obras do compositor, a maioría para cinco voces e orquestra (esta etapa en Lugo está aínda sen documentar). En resumo, deixou máis de 200 obras (misas, salmos, vésperas, lamentacións, himnos, vilancicos, etc), espalladas por varios arquivos e catedrais de España e Portugal, destacando entre elas unha Pasión para solistas, coro e orquestra, descuberta en Vila Viçosa. Por esta páxina musical e mailos cuartetos, H. de Ávila colócao entre os compositores máis atraentes da música ibérica do seu tempo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso
Lugar : Madrid