Almería
Capital da provincia de Almería, Andalucía, situada no centro da baía homónima, na desembocadura do río Andarax, á beira da corga de Belén, Amatisteros e El Obispo, e ao pé da serra de Gádor (170.503 h [1996]). Centro administrativo e comercial. É un importante porto de pesca (2% das capturas do estado) e tamén de mercadorías (exportación de froita e minerais). A actividade industrial é pouco importante (química, alimentaria, materiais de construción). Destaca a actividade turística, favorecida pola apertura do aeroporto. Na cidade atópanse barrios antigos de casas baixas e brancas fronte a novas construcións que se espallaron cara ao Andarax e ao porto. O centro da cidade é a porta de Purchena, a partir dela o plano da cidade crece de forma radial. A partir de finais do s VIII dotouse o porto de estaleiros e substituíu a Pechina como centro do comercio entre Al-Andalus, África e Oriente. No 955 foi atacada por unha escuadra siciliana enviada polo Califa fatimí Al-Mu’izz. ‘Abd al-Ra ḥ mān III converteuna no centro marítimo do Califato. No s XI converteuse en capital dunha Taifa (Reino de Almería) dominada polos reis da Taifa de València. Convertida, xunto con Mallorca, en refuxio de piratas que fustrigaban o litoral de Barcelona, Xénova e Pisa e ambicionada por Afonso VII, este conseguiu que as tres potencias marítimas do Mediterráneo a atacaran por mar e, cos casteláns por terra, tomou a cidade o 17 de outubro do 1147. Dez anos despois o Califa almohade e o Rei da Taifa de València recuperaron a cidade, que mantivo unha próspera actividade mercantil e industrial ata o s XII. Foi conquistada finalmente, en 1489, por Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela. A catedral, con aspecto de fortaleza, foi construída co estilo gótico tardío (1524-1543), pero os portais son renacentistas (1550-1573). O esplendor acadado no s XIX correspondeu á extracción de chumbo na serra de Gádor. O Museo Arqueolóxico ten grande interese polos seus fondos prehistóricos procedentes dos poboados dos Millares e do Argar. Conserva da época musulmá unha alcazaba con extensas murallas e vestixios dunha mesquita (ss X-XII) na igrexa de San Juan.