Alonso de Lanzós

Alonso de Lanzós

Cabaleiro galego que xunto con Diego de Lemos e Pedro Osorio dirixiu a campaña dos irmandiños durante a Segunda Guerra Irmandiña. Segundo Amor Meilán na súa obra Biografías gallegas, pertencía á familia dos Lanzós de Vilalba. Semella que Alonso de Lanzós tiña xurada a destrución da Casa de Andrade; Vasco de Aponte mantén que recibía, como outros cabaleiros do tempo, soldo dela. Segundo Martínez Sueiro, o mesmo Rei Enrique IV deulle azos ao principio da loita irmandiña, cando o movemento recibía apoio rexio. Loitou dende Lugo ata Ferrol e Pontedeume, sobre todo nos estados dos Andrade, tomando a capital, Pontedeume, onde conseguiu alistar moitos dos vasalos de Andrade nas súas hostes. Sorprendido pola chegada dos exércitos señoriais, encabezados por Fernán Pérez de Andrade e Gómez Pérez das Mariñas, fortificouse no Castro de Gundián e enviou emisarios a Diego de Lemos contando co seu auxilio para resistir. Cando á mañá seguinte os sitiadores se dispoñían novamente a asaltar o castro, descubriuse que os sitiados xa levantaran o campo tentando fuxir da perigosa situación, xa que, ben que chegaran as tropas do de Lemos, non se decidiran a entrar en combate. Os irmandiños do de Lanzós foron perseguidos e acurralados. Alonso ao non poder conservar a vila de Pontedeume, entregoulla ao Arcebispo compostelán Alonso de Fonseca, tendo que se dar preso a Fernán Pérez Parragués, quen obtivo por entregalo abundantes terras en Parga. Suponse, xa que non se coñecen noticias posteriores a estes feitos de Alonso de Lanzós, que foi preso e axustizado ou morto nalgunha cela señorial. O matrimonio da súa filla Isabel de Castro con Fernán Pérez de Andrade, neto do seu inimigo, uniu as familias antagónicas.