Alonso Estravís, Isaac
Filólogo e profesor. Prolífico estudoso da cultura e lingua galega. Realizou estudos eclesiásticos no mosteiro de Oseira, que abandonou en 1960 ao ser expulsado xunto a outros compañeiros acusados de galeguismo e de querer fundar unha congregación independente. Como consecuencia, saíu de Galicia e viaxou por Francia, Alemaña e residiu en Navarra, Madrid e Lisboa. A finais de 1984 volve definitivamente a Galicia.
Licenciado en Filosofía pola Universidade de Comillas (1973), Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid (1975), Filoloxía Románica (1978), obtivo o grao de Diplomado en Cultura e Lingua Portuguesa pola Universidade de Lisboa (1976). Traballou na Universidade de Vigo (1990-1994) como profesor de Didáctica da Lingua e Literatura Galega. No 1998 presentou e súa tese de doutoramento A fala dos Concelhos de Trasmirás e Qualedro.
Exerceu como docente en Ourense e pertence aos colectivos AS-PG e AGAL. Conferenciante en numerosos congresos, simposios e xornadas de ensino tanto en Galicia como en Portugal, O Brasil, Bruxelas ou Londres. Traballou no eido da lexicografía e da gramática. É autor principal e coordinador do Dicionário Galego Ilustrado (1983) -do que se publicou un tomo-; Dicionário da Língua Galega (1986), en tres tomos; dos Estudos Filológicos galego-portugueses (1987); Dicionário da Língua Galega (1995).
Participou nos libros colectivos Misal galego (1968), O estatuto de Galiza (1975), co pseudónimo Isaac da Bougueira; Estudo crítico das normas ortográficas e morfológicas do idioma galego (1983), entre outros moitos. Foi o responsable da tradución do Libro dos Salmos (1966) e das encíclicas Populorum progressio (1968) e Pacem in terris (1968), xunto a outras de tema relixioso ou político; así mesmo, traduciu O problema político de Galiza de Vicente Risco (1976) e A Sibila (1983).
Ten publicado estudos literarios e artigos en xornais e revistas como Agália, Cadernos do Povo, Encrucillada, Grial, Nós, Revista internacional galego-portuguesa de cultura, Revista da Irmandade Galega, Lóstrego, etc. Dentro da creación literaria, escribiu no 1973 a narración Contos con reviravolta.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vila Seca, A Limia