Alonso Fernández, Rafael

Alonso Fernández, Rafael

Pintor coñecido sobre todo como acuarelista, e sen dúbida un dos artistas españois máis recoñecidos neste campo. Inicia os seus estudios de arquitectura en 1946 na escola de Arquitectura de Madrid, carreira que abandona ao pouco tempo para dedicarse á pintura, volvendo á súa vila natal. De feito, ao ano de deixar os seus estudios realiza a súa primeira exposición como artista en Vigo e Pontevedra simultaneamente. Nestes anos, xunto con xente como Cuña Novás, forma parte dun grupo que edita a colección clandestina de poesía Benito Soto, na que Rafael Alonso realizaba o deseño das súas portadas. En 1952 produciuse un feito clave na carreira artística do pintor ao ser pensionado durante dous anos en París. O encontro coas novas tendencias pitóricas que se desenvolveron e se están a desenvolver na cidade da luz van marcalo profundamente. En París, Rafael Alonso empápase de todo o postimpresionismo, pero tamén do fauvismo, así como dunha refinada técnica que segue moito a Duby, para logo reinterpretar todo este conxunto coa súa propia creatividade. Na traxectoria pictórica do acuarelista pontevedrés, advírtese que nun primeiro momento o pintor realiza unha pintura de corte pseudo-folclorista nas paisaxes preciosistas e nas mariñas, onde o xogo efectista e o virtuosismo case musical é norma característica, para posteriormente ir a unha pintura escueta, limpando a súa paleta e convertendo as súas obras en grandes masas de cor, dadas a grandes brochazos, ás cales case que chega a destruturar dando a impresión dun abocetamento abstractizante, o que evoca moito a linguaxe multiforme e color musical de Kandinsky. Esta forma de pintar enriqueceu as posibilidades expresivas do artista, que chegou mediante estes recursos á simple suxerencia que orienta ao espectador e lle formula moitos enigmas, pero todo iso sen coartarlle a liberdade de degustar os xogos harmónicos da súa cor, do movemento libre da liña de cor que non impide o cromatismo e a marca da textura que lle dá vida á pintura cunha clara vibración. Esta forma de pintar axiña o vai converter nun dos grandes acuarelistas do país, ao mesmo tempo que é recoñecido o seu labor coa concesión de múltiples premios, ao recibir en 1970 a Medalla de Ouro da I Bienal de Arte de Pontevedra na sección de acuarela, ou a mesma medalla na IV Bienal Internacional de Arte realizada en Pontevedra en 1980. Ao mesmo tempo expón por toda Galicia, así como en París e diversas cidades españolas, dedicándose tamén a facer traballos de decoración, escultura, deseño ou ilustración, actividade esta última da que temos un bo exemplo na historia que fixo do Arcebispo Xelmírez, obra esta que forma parte da colección de arte da Xunta de Galicia. Os seus cadros están repartidos por importantes coleccións privadas de Canadá, EE UU, México, Cuba, Inglaterra, Alemaña, Francia, Rusia e España, ou por importantes museos e coleccións públicas, como no Banco Bilbao Vizcaya, nos Museos de Vigo e Pontevedra, ou Caixavigo, entre outros.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso